COMPARECENCIAS DO PRESIDENTE DA FUNDACIÓN JUANA DE VEGA E A ESCOLA GALEGA DA PAISAXE

Preservar a identidade da Coruña como "cidade para pasear", clave no deseño da nova fronte marítima

Pedro Calaza -director da Escola Galega da Paisaxe- e Enrique Saez -presidente da Fundación Juana de Vega- comparecen na Comisión Especial da Fachada Marítima e posan con Jorquera
Pedro Calaza, Jorquera e Enrique Saez
Dentro da rolda de comparecencias na Comisión da Fachada Marítima que preside o noso portavoz no Concello Francisco Jorquera, este venres achegaron os seus puntos de vista o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Saez, e o director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza.
Preservar a identidade da Coruña como "cidade para pasear", clave no deseño da nova fronte marítima

“Ambos achegaron unha visión moi novidosa e de sumo interese, que desde o BNG partillamos completamente”, afirma Jorquera. Unha visión que consiste en que o deseño da nova fachada marítima da cidade debe preservar a identidade da Coruña como “una cidade para pasear”.

Os comparecentes evocaron a definición da Coruña que nos deixou o escritor Wenceslao Fernández Flórez (1885-1964) segundo a cal a nosa urbe é “un transatlántico no que a xente pasea pola cuberta”. “Por iso as actuacións deben preservar a identidade e por iso nos criterios de intervención sobre a fronte marítima debe primar o respecto á paisaxe urbana e máis o coidado dos aspectos paisaxísticos e medio ambientais, atendendo sempre ao seu impacto sobre a calidade de vida e a súa importancia para a conservación do patrimonio cultural e natural”, remarca Jorquera.

Saez e Calaza puxeron en destaque que o deseño da nova fachada marítima constitúe unha espléndida oportunidade para “suplir a baixa ratio de zonas verdes por habitante” que caracteriza A Coruña, refire Jorquera, “e tamén para pór en valor a potencia dos valores culturais e patrimoniais da nosa cidade”.

A preservación da identidade pase por que -en expresión dos comparecentes-se evite o “corta e pega” e a urbanalización, isto é, “a banalización do urbanismo e a perda da identidade”.

De resto, apostaron pola importancia da participación social no debate arredor do deseño da nova fronte marítima da Coruña. “Defenderon, e non podemos estar máis de acordo con eles, un modelo de gobernanza que propicie o consenso social na definición das políticas que conduzan á reordenación do bordo litoral”, conclúe Jorquera.

 

 

Preservar a identidade da Coruña como "cidade para pasear", clave no deseño da nova fronte marítima