AS PROPOSTAS DO BNG, FROITO DO DIÁLOGO COA VECIÑANZA, XA PENDURADAS EN JORQUERA2023.GAL

"Presentamos un programa que máis que electoral é de goberno"

Conferencia de prensa presentación programa electoral
Un momento da conferencia de prensa
O programa electoral do BNG para o 28 de maio é “moito máis que un programa electoral”. “É un proxecto de cidade sobre A Coruña do futuro que queremos construír contando coa participación das coruñesas e coruñeses. E é un programa de goberno –por iso non é un programa reivindicativo, senón propositivo- porque concorremos ás eleccións coa vontade de ser alternativa, de liderar a cidade”.
"Presentamos un programa que máis que electoral é de goberno"

Nestes termos pronunciouse esta mañá o candidato do BNG á Alcaldía, Francisco Jorquera, no curso da conferencia de prensa en que, acompañado por Avia Veira, número 2 da candidatura nacionalista, presentou aos medios o programa electoral do BNG.

“O programa do BNG é o resultado dun proceso moi participativo”, remarcou Jorquera, quen explicou que, con moita antelación á convocatoria das eleccións, se constituíron “distintos grupos de traballo, abertos a simpatizantes e colaboradores externos que nos foron facendo chegar as súas achegas”.

O programa que hoxe lle presentamos aos medios –e que está pendurado na nosa web é, por tanto, o resultado “dun proceso de diálogo”, froito “da interlocución que mantivemos coa veciñanza nas nosas visitas aos barrios, e das moitas reunións que mantivemos coas asociacións e os colectivos sociais da nosa cidade, que nos permitiron recoller moitas das súas propostas e suxestións”.

20230508_100914

E non é unha proposta fechada, senón que constitúe un “programa aberto”, resaltou Jorquera. “O programa é unha guía, mais esa guía é susceptíbel de continuar arrequecéndose con novas achegas”, dixo. De aí que a propia web permite “facer propostas e formular preguntas”, subliñou.

Avia Veira explicou polo miúdo os contidos do programa tal e como aparecen na web, “divididos en 17 capítulos que sintetizan A Coruña que queremos”. “A disposición dos contidos do programa está concibida de maneira que se podan consultar as nosas propostas en función dos intereses da cada quen: A Coruña Cidade Creativa, A Coruña da Memoria Democrática, A Coruña Cidade Deportiva, A Coruña Cidade Educadora, A Coruña Cidade Inclusiva, A Coruña Cidade Metropolitana, A Coruña Cidade para Moverse, A Coruña Cidade para o Futuro, A Coruña Cidade para Traballar, A Coruña Cidade pola Igualdade, A Coruña Cidade Segura, A Coruña Cidade Verde e Azul, A Coruña en Defensa do Común, A Coruña Cidade en galego, A Coruña Cidade Exterior”.

Cada un deses bloques subdivídese á vez en seccións que permiten unha consulta fácil e que cada coruñesa ou coruñés podan achar de forma sinxela os contidos que esperten o seu maior interese. Por exemplo, se clicamos en A Coruña Cidade para Moverse poderemos achar como seccións distintas os epígrafes Accións Transversais, Mobilidade Peonil, Transporte Público, Bicicleta e VMP, Política de aparcadoiros.

“O programa debuxa a cidade que queremos construír man a man coa  veciñanza: unha Coruña creativa, inclusiva, igualitaria, participativa, segura, educadora, deportiva. Unha Coruña metropolitana, de futuro, unha cidade para vivir e traballar, con proxección exterior e que aposte por un novo modelo de mobilidade”, anotou Jorquera. “Unha Coruña verde e azul, comprometida coa memoria democrática, coa defensa do común e co noso idioma”, completou.

 

 

"Presentamos un programa que máis que electoral é de goberno"