"SE NOS DADES A VOSA CONFIANZA, COLOCAREMOS A AGRA NO CENTRO DAS POLÍTICAS MUNICIPAIS", COMPROMETE JORQUERA
A Agra viviu a súa sesión vermú: música, baile, conversa e tempo tamén para a reivindicación
A Agra do Orzán acolleu este domingo a cuarta sesión vermú da precampaña do BNG. Moita animación, boa música –a do grupo indie pop Leria- e unha breve intervención de Francisco Jorquera que xirou basicamente arredor das necesidades dun barrio que é dos máis densamente poboados de Europa e que carece de múltiples equipamentos públicos, entre eles un parque merecente de tal nome.
“Este é un barrio que co paso dos anos”, relatou o candidato do BNG á Alcaldía, “sufriu a degracación urbanística dalgunhas zonas e o avellentamento do seu parque de vivendas. Padeceu tamén a destrución de parte do seu tecido comercial. Sabedes que na cidade aumentaron moito as desigualdades sociais entre os barrios. Pois ben, na Agra vese neste momento un incremento preocupante da exclusión social”.
A resposta desde María Pita debe ser, enfatizou o candidato nacionalista, impulsar un plan de revitalización integral para a Agra do Orzán, “con medidas en materia urbanística, de vivenda, políticas sociais, de dinamización socio-cultural e de potenciación do pequeno comercio”. Son precisas tamén actuacións no campo da rehabilitación con vistas a mellorar a calidade do espazo urbano, a estética dos seus edificios e a abordaxe dos problemas de accesibilidade.
E, dentro dese plano de revitalización, cómpre “que dunha vez por todas se faga realidade o Parque da Agra”.
“Aproveito para felicitar as veciñas e os veciños do barrio. A súa loita”, dixo Jorquera, “arrincou por fin o compromiso de que os terreos do Observatorio se porán a disposición da veciñanza para facer realidade ese parque”.
Mais o Parque do Observatorio tal e como está concibido no convenio entre o Concello e a AEMT non é abondo, fica pequeno.
“É necesario ampliar ese parque estudando as solucións técnicas que fagan posíbel a integración nel da finca das Adoratrices e o Campo da Burra”, defendeu Jorquera, para quen tamén é preciso “asegurar a súa permanencia, porque o convenio entre a AEMET e o Concello ten só unha vixencia de 4 anos”.
“Se nos dades a vosa confianza, tendes o noso compromiso de que poñeremos a Agra no centro das políticas municipais”, concluíu Jorquera.