Presentamos na Coruña "Mellor Local, Mellor Galego" e anunciamos unha nova lei que aposta polo pequeno comercio
“Queremos facer explícito, máis unha vez, o noso compromiso e apoio ao pequeno e mediano comercio”, afirmou Mercedes Queixas nun breve encontro cos medios.
O pequeno e mediano comercio ten “moitísimos valores” cos que o BNG se identifica. A cercanía. A proximidade. A confianza. “Está a pé de nós, sempre disposto a nos traer produtos de calidade e a o facer cando nos fai falta, como se viu con clareza durante a pandemia. Durante os tempos máis duros, sempre estiveron aí para mirar por nós, para coidar da sociedade”, di Queixas.
“Non é indiferente sabermos quen está detrás do mostrados. Ese comerciante, que o pode ser ou non, mais que acaba sendo un veciño ou unha veciña máis do noso barrio que se acaba dirixindo a nós polo noso nome”, engade.
O apoio do BNG vaise traducir, anunciou Queixas, na elaboración por parte do noso grupo parlamentar dunha proposición de lei para dotar o noso país dunha “nova Lei de Comercio plenamente galega” que teña como eixo o “apoio ao pequeno e mediano comercio”.
“O modelo alternativo, o baseado nas grandes superficies comerciais, xa vimos que resultados deu. Aquí na Coruña sabemos ben o grave impacto que tivo sobre o pequeno e mediano comercio, mais tamén sobre os barrios da cidade, barrios que en xeral viron degradadas as súas condicións de vida”, alegou Queixas.
Nesa nova Lei Galega de Comercio, avanzou a parlamentar, o BNG pretende “regular” os tempos das rebaixas, cun propósito claro: deixar de lle dar prioridade aos intereses das grandes superficies e atender así as “necesidades” do comercio local.