MEDIO AMBIENTE
Presentamos as alegacións contra a planta de residuos industriais que a Xunta quere instalar en Santa Icía
Rexistramos a alegación tipo elaborada pola A.VV. de Morás e que varias entidades están empregando para presentar a reclamación en contra da Planta no proceso de participación para a avaliación ambiental de proxectos iniciado pola Consellaría de Medio Ambiente
Tamén denunciamos que a páxina web habilitada pola Xunta para presentar as alegacións dá erro cada vez que se quere presentar unha reclamación polo que só a presentación por escrito e por rexistro é a única fórmula para realizar o procedemento
Vimos de presentar as nosas alegacións (podes velas premendo aquí) á construción da planta de residuos industriais que a Xunta de Galiza está valorando construír en Santa Icía, entre os termos municipais de A Coruña e Arteixo.
Deste xeito, as nosas portavoces municipais da Coruña, Avia Veira, e de Arteixo, Silvia Seixas, máis a nosa Responsábel Comarcal Vitoria Louro, e o noso Responsábel Local da Coruña, Manel Méndez, presentaron cadansúa reclamación na Xefatura Provincial da Consellaría de Medio Ambiente en representación dos grupos municipais, a Asemblea Comarcal e a Asemblea Local.
A alegación, elaborada pola A.VV. de Morás (que podes descargar aquí e, se queres, presentar a título individual antes do 30 de agosto), e que varias entidades están empregando para presentar a reclamación en contra da Planta no proceso de participación para a avaliación ambiental de proxectos iniciado pola Consellaría de Medio Ambiente, é un pormenorizado contraste das contradicións do Estudo de Impacto Ambiental Simplificado 2017/0050 tramitado baixo o título de “PLANTA DE ALMACENAMENTO E VALORIZACIÓN DE RESIDUOS NON PERIGOSOS INDUSTRIAIS E URBANOS NO LUGAR DE TEIXOEIRA-SANTA ICÍA (ARTEIXO)”, que valoramos como unha “tomadura de pelo” para coa veciñanza das zonas afectadas.
A parte das simplezas que o estudo desenvolve ao longo de todo o documento ou mesmo os fragrantes incumprimentos da Lei do Solo de Galiza que contempla, e que se describen na primeira parte da alegación, o propio estudo simplificado recoñece en varios apartados a súa falta de metodoloxía, o impacto que suporía na contorna, e incluso basea parte da súa fundamentación nuns moi deficientes estudos de campo, que anulan, de vez, mesmo formular de xeito hipotético a mera construción dunha planta das características que pretende instalar a Xunta de Galiza na contorna de Santa Icía. Por todo isto, instamos á Consellaría de Medio Ambiente a descartar definitivamente, e nesta fase inicial, o proxecto desta planta. Para o BNG a súa construción está totalmente inxustificada e, desde logo, non quedará impasíbel ante a posibilidade de que a Xunta de Galiza pretenda seguir adiante co proxecto.
Hai dúas semanas, xunto con representantes das entidades A.VV. de Morás, A.VV. Pastoriza, A.VV. de Novo Mesoiro, A.VV. de Feáns, A.VV. Castro de Elviña, A.VV. da Zapateira, veciños da Urb. Breogán, do TECOR de San Vicenzo de Elviña San Fernando e particulares e propietarios de fincas colindantes visitamos os terreos e a contorna onde se pretende construír a planta, a menos dun quilómetro de varios núcleos urbanos (Feáns, Novo Mesoiro, Urbanización Breogán e Santa Icía), terreos asemade, que mesmo conteñen na súas proximidades o amilladoiro do camiño ao santuario de Partoriza.
Por último sinalamos significativo que a páxina web habilitada pola Xunta para presentar as alegacións dá erro cada vez que se quere presentar unha reclamación polo que só a presentación por escrito e por rexistro é a única fórmula para realizar o procedemento.
É moi curioso que non se poidan achegar as reclamacións vía telemática a través da páxina habilitada pola consellaría, e que só de xeito presencial e por rexistro se poida realizar o trámite; xa a xestión do estudo simplificado, iniciado a mediados de xullo, en época estival, e cando a maioría das persoas está no seu tempo de lecer, pareceunos, canto menos, chamativo, é dá a entender a intención da Xunta de querer agochar de xeito intencionado e o máximo posíbel a construción desta planta de residuos industriais tan preto destas zonas urbanas da Coruña e Arteixo.
A Coruña, 25 de agosto de 2017
Noticias relacionadas: