Preocupadas pola inacción do Goberno Local á hora de termar do cárcere e de lle reclamar ao Estado a súa titularidade
Esta situación leva a concelleira do BNG Avia Veira a formularlle unha pregunta por escrito ao executivo coruñés. “Preocúpanos moito a inacción do Goberno Local. O abandono do antigo cárcere é total. Sen vixilancia, téñense producido xa varios episodios de ataques vandálicos e mesmo de invasión de persoas, con mesmo risco para a súa integridade, pois o edificio ameaza ruína”, afirma a concelleira nacionalista. Veira quere saber se o Goberno Local dispuxo a vixilancia deste inmóbel, un edificio de alto valor arquitectónico e histórico, e, caso de non o facer, se se dirixiu ao Goberno do Estado para que termase desa tarefa.
“Hai que lembrar que no Acordo de Investidura que asinamos en xuño de 2019 figuraba a demanda ao Estado da cesión ao Concello da titularidade do cárcere. Que saibamos nada fixo o Goberno Local para avanzar na materialización deste compromiso”, denuncia Avia Veira.
Preocúpanos moito a inacción do Goberno Local. O abandono do antigo cárcere é total. Sen vixilancia, téñense producido xa varios episodios de ataques vandálicos e até de invasión de persoas, con mesmo risco para a súa integridade, pois o edificio ameaza ruína
Uns meses despois, e a instancias do BNG, o Pleno aprobaba unha moción para catalogar o edificio como BIC. A seguir, o Goberno Local formou unha Mesa de Traballo, con participación de todos os grupos, e nela comprometeuse a elaborar un Plano Director dentro dunha estratexia que visaría a declaración BIC.
“O problema é que nada se fixo desde aquela altura”, alega a concelleira nacionalista, quen a este respecto pregúntalle ao Goberno Local por que razón “non volveu reunir” a Mesa de Traballo sobre o cárcere.
Veira interpela o Goberno Local tamén sobre se ten coñecemento dos actos vandálicos e das invasións que está a sofrer un edificio que está a piques de se tornar centenario.