MEDIO AMBIENTE
Rexeitamos á Planta de Residuos Industriais que a Xunta quere construír ao carón de Novo Mesoiro e Feáns
Presentamos unha iniciativa para que o Concello da Coruña rexeite a Planta de tratamento de residuos industriais que a Xunta de Galiza está valorando construír en Santa Icía
Tamén demandamos do Goberno municipal que persoe ao Concello da Coruña no proceso de participación da Avaliación Ambiental de proxectos aberto pola Consellaría de Medio Ambiente e anímao a presentar cantas alegacións sexan oportunas para impedir a construción da planta
Onte á tarde, xunto con outras entidades e particulares, visitamos a zona, situada a menos de cen metros do termo municipal da Coruña, e comprobamos in situ os terreos onde se pretende construír a planta. A resposta de todos cantos participamos desta visita é unánime: nin está xustificada nin é lóxica a construción neste emprazamento, cuestión que o BNG xa advertiu a semana pasada no Pleno de Arteixo coa moción que presentamos e que foi rexeitada unicamente polo Partido Popular
Vimos de presentar unha iniciativa no Concello da Coruña (podes descargala premendo aquí) para que este rexeite de forma inequívoca o proxecto de construción dunha planta de residuos industriais que a Xunta de Galiza valora emprazar no Lugar Teixoeira, en Santa Icía, no concello de Arteixo, a menos de cen metros do termo municipal da Coruña.
Deste xeito, e mediante un rogo, solicitamos do Goberno municipal que persoe ao Concello da Coruña no proceso de participación da Avaliación Ambiental de proxectos aberto pola Consellaría de Medio Ambiente e animámolo a presentar cantas alegacións sexan oportunas para impedir a construción da planta, que se fará a tan só 96 metros do límite co Concello da Coruña, e a 840 metros de distancia da Urbanización Breogán, 855 do barrio de Novo Mesoiro e 1.525 metros do pobo de Feáns, todos eles núcleos de poboación dentro do termo municipal da Coruña, ademais de tamén se atopar preto doutros núcleos como a propia Santa Icía, Vilarrodrís, A Maceira ou O Moucho no Concello de Arteixo.
Entendemos que a construción desta planta (podes descargar o estudo de impacto ambiental simplificado premendo aquí) está totalmente inxustificada: polo lugar escollido para o facer, un lugar moi próximo a zonas urbanas e en expansión, con moitos nenos e nenas; por se tratar dunha contorna tremendamente afectada xa, tanto por varias infraestruturas importantísimas cun forte impacto no medio, como son a autoestrada AG-55, a estrada de acceso ao porto exterior, a estrada AC-552, o camiño de ferro, tanto de mercadorías como de alta velocidade, o gasoduto, as liñas de alta tensión, as canteiras e os dous polígonos industriais, polo que se contribuiría a afectar de xeito definitivo as zonas próximas as vivendas, e facendo que a calidade de vida se vexa aínda máis perturbada; e porque se fala dunha planta de tratamento de materiais como chumbo, aluminio, outros metais metálicos por determinar, plásticos, restos de pintura etc, que hoxe en día poden ser tratados nas tres grandes plantas de tratamento destes refugallos industriais e urbanos especialmente construídas para este cometido na Galiza (As Somozas, O Porriño e Cerceda), polo que se estaría xustificando o construír en cada municipio que quixer unha planta para estes tratamentos, e infrautilizando as existentes.
Desde logo non imos quedar impasíbeis ante a posibilidade de que a Xunta de Galiza queira construír nesa contorna esa planta de residuos. Onte á tarde, xunto con outras entidades e particulares, visitamos a zona, situada a menos de cen metros do termo municipal da Coruña, e comprobamos in situ os terreos onde se pretende construír. A resposta de todos cantos participamos desta visita é unánime: nin está xustificada nin é lóxica a construción neste emprazamento, cuestión que o BNG xa advertiu no Pleno de Arteixo coa moción que presentamos e que foi rexeitada unicamente polo Partido Popular.
E é que xunto con varias persoas representantes de entidades e colectivos das zonas afectadas entre Arteixo e A Coruña, e con propietarios de terreos da contorna, estivemos onte no Lugar da Teixoeira, visitando as parcelas onde se formula a construción da planta e avaliando as posíbeis consecuencias, incluída a afectación do amilladoiro do camiño da Pastoriza, emprazado nun dos solares nos que se realizou o Estudo de Impacto Ambiental Simplificado, e que albergarían a nave de tratamento e as infraestruturas necesarias para o almacenamento dos materiais que até alí se fosen achegando para a súa posterior valorización.
Neste sentido, xa a semana pasada advertíamos das consecuencias do impacto na contorna e presentabamos no Concello de Arteixo unha moción na que solicitabamos que a corporación municipal rexeitara a instalación da planta de residuos, moción que finalmete foi rexeitada unicamente cos vosos do Grupo municipal do PP.
As medidas de seguimento ambiental que se describen no proxecto son de certo mínimas e completamente insuficientes, de modo que o proxecto ben podería ser definido, en termos coloquiais, como «un pasar de todo», e parécenos totalmente irracional, desproporcionado e caótico que se vaian instalando plantas desta índole en calquera parte, sen unha planificación de conxunto, pois está claro que no corresponden a ningunha estratexia global.
Mapa publicado pola Asociación Veciñal de Novo Mesoiro onde se amosan as distancias da Planta de Residuos Industriais coas zonas urbanas máis proximas da Coruña
A Coruña, 8 de agosto de 2017