O BNG denuncia a hipocrisía do PP por non pedir a dimisión dos seus representantes en Caixa Galicia
A Coruña, 4 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG volveu levar a Pleno unha moción para retirarlle o título de fillo predilecto a José Luis Méndez polas consecuencias ruinosas da súa xestión á fronte de Caixa Galicia. E outravolta, o PP impediu o debate da moción, ao igual que acontecera no Pleno de xullo de 2012. Porén, nesta ocasión, o Grupo do Partido Popular presentou, menos de media hora antes de comezar a sesión plenaria, a súa propia iniciativa para "estudar" a revogación do título a Méndez e para instar a dimitir a Mar Barcón e a Salvador Fernández Moreda, concelleiros do PSOE, pola súa responsabilidade directa na toma de decisións da entidade, unha moción que contou co voto favorábel do BNG.
Na súa intervención, a concelleira Ermitas Valencia denunciou a hipocrisía do Partido Popular ao non pedir tamén a dimisión dos seus representantes nos órganos de dirección de Caixa Galicia. Salientou que o alcalde de Curtis, Javier Caínzos, do PP, formou parte do Consello de Administración de Caixanova e que o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, formou parte do Consello Territorial. "Vostede Sr. Negreira, como presidente provincial do seu partido, ten que reclamarlle a dimisión dos seus cargos como alcaldes a estas dúas persoas pola súa responsabilidade na toma de decisións que, como vostedes ben din, prexudicaron milleiros de coruñeses e a propia cidade", esixiu Valencia. A edila do BNG reclamoulle ao alcalde "predicar co exemplo" e trasladar a petición recollida na moción aos seus compañeiros de partido.
O PP non permite debater ningunha das tres mocións levadas a Pleno polo BNG
Ademais de tombar a moción do BNG para a retirada do título de fillo predilecto a Méndez, o PP non permitiu o debate das outras dúas mocións presentadas polas nacionalistas, en apoio da folga estudantil e para a defensa da biblioteca veciñal de Monte Alto. Na primeira, o BNG reclamaba a retirada do anteproxecto da LOMCE, a mal chamada Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa, unha lei que recupera as reválidas dos anos 60, que reforzará a relixión e que centralizará o ensino. Tamén reclamaban instar a Corporación Municipal a adherirse ao Manifesto aberto na defensa do ensino público galego e a apoiar a folga estudantil convocada para o 6 de febreiro contra a LOMCE e en defensa do ensino público.
Na segunda, o BNG pedía recoñecer e defender o valor da biblioteca veciñal do barrio das Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules como un centro de múltiples usos sociais esenciais para conseguir unha maior calidade de vida da veciñanza tanto deste barrio como doutros e reclamaba garantir o financiamento da biblioteca a través da renovación do convenio coa Asociación de Veciños As Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules, que estaba vixente até o 31 de decembro de 2012, co fin de permitir que este espazo seguise aberto. Ademais, o Grupo Municipal do BNG solicitaba garantir unha participación real e efectiva das asociacións veciñais nas tomas de decisión que atinxisen os barrios en que estivesen implantadas estas entidades.
Moción para a retirada do título de fillo predilecto a Méndez
Moción para a retirada do anteproxecto da LOMCE e en apoio á folga estudantil