PREGUNTA POR ESCRITO DE FRANCISCO JORQUERA AO GOBERNO LOCAL

A práctica totalidade do persoal da concesionaria do Palacio da Ópera, nun ERTE do 100%

Palacio da Ópera
Perante a Covid, o Goberno Local, co apoio do BNG e o resto de grupos municipais, resolveu manter os contratos con todas as empresas concesionarias de servizos de titularidade pública co fin de evitar a destrución de emprego.
A práctica totalidade do persoal da concesionaria do Palacio da Ópera, nun ERTE do 100%

Agora resulta que a Sociedade de Fomento e Desenvolvemento Turístico, concesionaria do Palacio da Ópera e Palexco, coloca nunha situación de ERTE do 100 por 100 da xornada a práctica totalidade do seu cadro de persoal (inicialmente unha parte das e dos traballadores estaban nun ERTE do 70 e a outra, nun do 50%). Só fican fóra do ERTE do 100 por 100 dúas persoas da oficina con funcións administrativas (ERTE do 50%) e o encargado (que traballa ao 100%).

Non se xustifica este movemento da empresa, tendo en conta que continúa a recibir fondos do Concello e considerando que a Administración local resolveu manter a concesión precisamente para salvar os postos de traballo.

A concesionaria ten dúas fontes de ingresos: os que recibe do Concello e os que xera pola súa actividade. O axuste da xornada laboral, desde logo non desexábel, tería que ser, de habelo, en función da caída desa segunda fonte de ingresos e, por tanto, nunca podería ser do 100 por 100, pois a concesionaria, pese á ausencia de actividade pola pandemia, continúa a ser financiada pola facenda municipal.

O Concello acordara con todos os grupos manter os contratos coas concesionarias dos servizos de titularidade municipal para garantir as condicións laborais das traballadoras e traballadores

“Se o Concello da Coruña está cumprindo os termos do contrato, a empresa debe estar obrigada a manter as condicións de emprego do persoal e, de producirse algún axuste, debería ser a custa da parte variábel [dos seus ingresos] que corre a risco e ventura da concesionaria”, considera o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen sobre este tema dirixiu unha pregunta por escrito ao Goberno Local.

A situación é, polo demais, irregular porque mentres a práctica totalidade das traballadoras e traballadores da empresa están en ERTE ao 100 por 100, é persoal do Consorcio para a Promoción da Música quen se está a encargar do mantemento das instalacións, un labor que obviamente compete á concesionaria.

A SFDT pertence ao Grupo Comar e recibiu a concesión da xestión do Palacio da Ópera en 1989, goberno de Francisco Vázquez en María Pita, por un período de 50 anos. “As condicións da concesión é fonte de diversos conflitos”, argúe Jorquera. “Dunha banda, o edificio presenta evidentes déficits de mantemento. Doutra, arbitrouse un sistema concesional que provoca a situación absurda de que Concello teña que abonar 850 mil euros anuais polo uso dun recinto da súa titularidade para que durante 200 días ao ano o Palacio da Ópera poida acoller as actividades da Orquestra Sinfónica de Galiza”.

En 2018, o anterior Goberno Local anunciou a súa pretensión de recuperar a concesión para o Palacio da Ópera ser xestionado directamente polo Consorcio para a Promoción da Música “e mesmo anunciou que o rescate da concesión podía ser efectivo nos primeiros meses de 2019”. Mais o anuncio non se materializou e a SFDT mantivo o control da xestión.

Agora Jorquera pregúntalle ao Goberno Local se vai facer algunha xestión para obrigar a empresa a manter os postos de traballo e se contempla a posibilidade de recuperar a concesión.

A práctica totalidade do persoal da concesionaria do Palacio da Ópera, nun ERTE do 100%