O PP xustifica a empresa adxudicataria da axuda a domicilio malia as graves irregularidades
A Coruña, 27 de setembro de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo denuncia que INGESAN, empresa adxudicataria do servizo de axuda a domicilio segue a cometer irregularidades e a incumprir o prego de condicións do concurso, nomeadamente no que respecta á falta de control e á falta de persoal. Lembra a edila nacionalista que esta empresa aos 18 días de comezar a prestar a axuda a domicilio despediu 5 das 7 coordinadoras que tiña a obriga de subrogar.
María Xosé Bravo advirte de que malia que o BNG puxo en coñecemento do Goberno municipal o servizo lamentábel que presta a adxudicataria, o Sr. Negreira xustifica a empresa e mira cara outro lado, malia que se trata dunha concesión que lle custa ao Concello 1,5 millóns de euros ao ano. Así se desprende da resposta (achégase en documento xunto) ás preguntas escritas formuladas pola nacionalista (achéganse en documento xunto).
A pesar das evidencias dadas a coñecer polo Grupo Municipal do BNG e polas traballadoras despedidas, o Goberno do Sr. Negreira defende nas preguntas que o servizo se está a prestar con garantía de calidade e ademais xustifica a súa actitude pasiva coas graves irregularidades en materia laboral.
Sen supervisión do traballo e incumprimento en relación ao número de traballadoras
No que ten a ver coa pregunta sobre a supervisión do traballo das auxiliares, o Goberno municipal contesta que se están realizando con total normalidad y cumplimiento estricto de la normativa vigente y del concierto en vigor, cando non é certo. Explica María Xosé Btavo que o control de presenza e puntualidade das auxiliares non está a ter lugar porque se faría mediante a aplicación GEDAS PLUS MOBILE e non existe tal aplicación, de xeito que INGESAN está a incumprir o contrato.
A concelleira do BNG salienta outra clamorosa mentira do Goberno municipal en relación ao número de persoas que atenden a axuda a domicilio. Á pregunta de se propuxo o Xefe de Servizo de Servizos Sociais ao órgano de contratación a imposición de sancións por incumprimento do contrato, o Goberno municipal responde que no hubo incumplimiento de concierto y por tanto no cabe la imposición de sanciones. La empresa concertada tiene contratados a 9 trabajadores para las tareas en que la anterior concertada tenía a 7, cando a empresa só ten contratadas 3 traballadoras sociais e unha máis que pertencía ao Servizo de Atención a Domicilio de Arteixo, feito que revelara o BNG. Ademais, a empresa conta cunha bolseira educadora social que leva traballando dúas semanas e, segundo puido saber o BNG, a intención da empresa é contratar outra bolseira.
Sen visitas bimensuais
Por último, María Xosé Bravo evidencia a mentira do Goberno do Partido Popular cando responde cun categórico Si á pregunta sobre se se están a realizar as visitas domiciliarias obrigatorias bimensuais de seguimento. E é que, a día de hoxe, esas visitas non se están a facer e, polo tanto, non existen os documentos que informan sobre a evolución da persoa usuaria e da familia, sinala a concelleira do BNG.
Advirte, ademais, de que non se están a modificar os Proxectos de Intervención, documento básico no que se recolle a problemática individual e os obxectivos e tarefas que deben realizar as auxiliares da axuda a domicilio. Como non se está a facer a revisión destes proxectos, tampouco se están a modificar en función das necesidades que lles van xurdindo ás persoas usuarias, polo que a atención, apunta a nacionalista, é máis que deficiente.
PREGUNTAS ESCRITAS AXUDA A DOMICILIO
RESPOSTA ÁS PREGUNTAS ESCRITAS (ver resposta 20, Servizo de axuda ao fogar)