A XUNTA DESOUVE A MOBILIZACIÓN DA COMUNIDADE EDUCATIVA E AS INICIATIVAS DE MERCEDES QUEIXAS

O PP vulnera o dereito á educación do alumnado inmigrante do IES Agra do Orzán

Mobilización da ANPA do IES Agra do Orzán
Imaxe dunha das mobilizacións da comunidade educativa do IES Agra do Orzán
A pesar das reiteradas mobilizacións e peticións por parte da comunidade educativa e de o BNG rexistrar iniciativas no Parlamento galego o pasado mes de outubro, o Instituto Agra do Orzán continúa a carecer do suficiente número de docentes especializados en Pedagoxía Terapéutica para garantir o dereito á educación do alumnado inmigrante que non domina nin o galego nin o castelán.
O PP vulnera o dereito á educación do alumnado inmigrante do IES Agra do Orzán

Así o denuncia a deputada nacionalista Mercedes Queixas, quen avanza que impulsará nos próximos días novas iniciativas parlamentares. “Xa en outubro, rexistramos unha pregunta oral e unha proposición non de lei por medio da cal instabamos o Goberno galego do PP a que, tal e como prevé a lexislación, crease grupos de adquisición de linguas que permitisen ás e aos alumnos inmigrantes escolarizados no IES Agra do Orzán acceder á formación das distintas materias que nel se imparten. Mais pasaron os meses e a Xunta continúa sen facer nada ao respecto”, censura.

“O PP está a vulnerar o dereito á educación do alumnado inmigrante”, denuncia Queixas. “E non falamos dun caso illado, acontece en máis centros, quer da cidade quer da Galiza”, remarca.

No IES Agra do Orzán hai escolarizados alumnas e alumnos de até 20 nacionalidades, espello dun barrio que se caracteriza pola súa diversidade cultural e lingüística, alén de ser unha das áreas da urbe máis densamente poboada.

“Esta diversidade cultural, que debe ser entendida como unha oportunidade de aprendizaxe para a totalidade da comunidade educativa, debe ser acompasada de recursos educativos que favorezan a integración, pois, en moitos casos, a procedencia orixinaria do alumnado non ten referencia lingüística común”, subliña a concelleira e deputada do BNG.

Salienta Queixas que neste liceo están matriculados un total de 75 alumnos e alumnados NEAE (Necesidades Específicas de Apoio Educativo), mais apenas contan “cun único profesional de pedagoxía terapéutica”. A consecuencia dunha ratio tan baixa é que “a inmensa maioría está desatendida e desprotexida”.

Están matriculados un total de 75 alumnos e alumnados con NEAE (Necesidades Específicas de Apoio Educativo), mais apenas contan cun único profesional de pedagoxía terapéutica

“Desde o centro xa se ten solicitado á Xunta aumentar a dotación destes profesionais tan necesarios, nun mínimo de dous docentes, como se se cubriron en cursos anteriores”, refire. Mais esa petición, como as formuladas polo BNG no Parlamento, ten sido desouvida polo Goberno galego en mans do PP.

“Desde logo, insistiremos. Volveremos rexistrar iniciativas para a Xunta garantir o dereito á educación de todo o alumnado, tamén, por suposto, do alumnado inmigrante”, conclúe a deputada nacionalista.

 

 

O PP vulnera o dereito á educación do alumnado inmigrante do IES Agra do Orzán