Sen pediatras en Monte Alto e Durmideiras: Queixas leva o asunto ao Parlamento

centro de saúde MA
Centro de saúde Monte Alto [foto tirada do Facebook csmontealto]
A mesma Administración galega que deixou sen prazas nas escolas infantís de 0 a 3 anos 161 crianzas ten agora sen pediatras os centros de saúde de Monte Alto e Durmideiras, en pleno brote do virus respiratorio sincitial, coa conseguinte carga asistencial.
Sen pediatras en Monte Alto e Durmideiras: Queixas leva o asunto ao Parlamento

Así o denuncia a deputada do BNG Mercedes Queixas, quen vén de rexistrar unha proposición non de lei e dúas preguntas orais (para a Comisión de Sanidade e o Pleno do Parlamento galego) en que aborda o asunto.

Queixas insta o Goberno galego a que “garanta de forma continuada a atención pediátrica no centro de saúde de Monte Alto e no centro de saúde de Durmideiras”.

A solución que ofrece o SERGAS -que debería enviar persoal substituto a centros que pertencen a dous dos barrios máis populosos da cidade, a sumaren máis de 30 mil habitantes- é desviar as consultas ordinarias e as urxencias ao centro de saúde Abente y Lago e ao Hospital Materno Infantil Teresa Herrera, respectivamente, xa abondo sobrecargados nesta época do ano, sen que tampouco estean a ver reforzados os seus cadros de persoal.

Un dato ilustra até que punto estes centros están a sufrir o abandono por parte da Xunta: no centro de saúde de Durmideiras, as familias terán de agardar até o 27 de xaneiro para as súas crianzas poderen ser atendidas alí polo pediatra titular.

“O PP ten que rectificar inmediatamente e repoñer os profesionais que se precisan nos centros de saúde de Monte Alto e Durmideiras. As familias non teñen por que pagar a ineficacia e o desleixo do Goberno galego”, conclúe Queixas.

Sen pediatras en Monte Alto e Durmideiras: Queixas leva o asunto ao Parlamento