O PP vota en contra de facer consultas populares vía internet e da retransmisión dos plenos
A Coruña, 2 de outubro de 2014.- O Goberno Local desestimando as alegacións do Bloque Nacionalista Galego vota en contra de que se poidan facer consultas populares vía internet e que se poidan retransmitir en directo os plenos da Corporación.
E é que hoxe o Goberno Local aprobou na Comisión de Facenda e Administración Pública a resolución de alegacións á aprobación definitiva da Ordenanza reguladora da administración electrónica, que contou co voto en contra do BNG ao seren rexeitadas as súas reclamacións.
Nas alegacións que presentaron as nacionalistas recóllese que o artigo 9, correspondente aos contidos e servizos da sede electrónica xeral, mostra certas carencias, e así solicitan a inclusión dun novo apartado no que, entre outras cousas, se sinala que se artellen os medios que correspondan para a retransmisión das sesións dos plenos da corporación municipal, de cara ao seu coñecemento por parte da cidadanía. Ademais, o BNG solicita que no artigo 4, principios da ordenanza, se recollan unha serie de principios, entre eles o de participación no que se sinala que se promoverá o uso dos medios electrónicos no exercicio dos dereitos de participación, para entre outras cousas, poder facer consultas populares vía internet.
Coa desestimación das reclamacións feitas polas nacionalistas, o Goberno Local evidencia que non lle interesa o máis mínimo promover a participación cidadá, nin achegar o máximo posíbel a administración local á veciñanza.