O PP vota en contra da iniciativa presentada polo BNG no Parlamento para manter o COF do Ventorrillo
A Coruña, 3 de maio de 2013.- O Partido Popular votou esta mañá en contra da proposición non de lei presentada polo BNG no Parlamento de Galiza para manter aberto o Centro de Orientación Familiar (COF) do Ventorrillo e para garantir a substitución da praza de Xinecoloxía, un servizo que prestaba servizo a máis de 62.000 mulleres de 33 concellos.
A deputada Carme Adán, que defendeu esta mañá en Comisión a iniciativa do BNG, criticou que o Partido Popular peche o COF do Ventorrillo mentres monta a Red Madre, fundación de orientación relixiosa de máis que dubidosa profesionalidade. "O PP quita unha praza de Xinecólogo e pecha un centro de orientación familiar mentres publicita e sostén unha rede paralela formada por colectivos con de dubidosa profesionalidade en materia de sanidade e de reprodución", sinalou a nacionalista, quen aludiu a algunhas destas 11 entidades que forman parte da Red Madre, como Congregación Hijas del Divino Siervo, Rebaño de María, Dignidad, Cáritas ou Residencia de las Siervas de la Pasión-Sta. Isabel.
Nesta liña, Carme Adán sinalou que o Partido Popular pretende ir pechando os COF mentres potencia, por motivos ideolóxicos, esta rede relixiosa. A intención, advertiu, é deixar morrer por inaninición este servizo de atención afectivo-sexual e planificación familiar. Tamén puxo de manifesto a oposición rotunda do BNG ao cambio de modelo que implica substituir profesionais da sanidade por entidades relixiosas que promociona a Secretaría xeral de Igualdade a través das subvencións públicas e da guía recentemente publicada de Apoio á muller embarazada.
Podes ver a intervención de Carme Adán na seguinte ligazón e na seguinte.