Amais de resultar un auténtico dispendio de recursos públicos, o poboado lapón incumpre o contrato
A Coruña, 3 de decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia que, amais de resultar un auténtico dispendio de recursos públicos, o poboado lapón incumpre as cláusulas administrativas e os pregos técnicos do contrato. Estamos a día 3 de decembro e a ridícula Laponia coruñesa, un capricho máis do Sr. Negreira, aínda non está instalada, malia que o contrato estabelece que el poblado deberá estar totalmente instalado para su inauguración la noche del 28 de noviembre de 2014 y el Ayuntamiento podrá supervisar su realización y diseño final, así como el cumplimiento de las normas de seguridad vigentes e que la desinstalación del poblado tendrá que iniciarse el día 2 de enero de 2015 y estar completamente finalizada el día 3 de enero a las 9:00 horas.
Máis unha vez queda demostrado que o Goberno do Sr. Negreira nin sequera é quen de montar as súas parafernalias, ironizan as nacionalistas, que son moi críticas co gasto prescindíbel que representa o poboado de Nadal. Este ano, só a instalación da Laponia coruñesa, que segundo datos aos que tivo acceso ao BNG foi adxudicada a Blachere Iluminación S.A., ascende a 90.408,5 euros, un total de 19.623,5 euros máis cara que a instalación do ano pasado. O poboado tamén volverá custar para o ano 90.408,5 euros, pois o Goberno do Sr. Negreira deixou comprometido o seu capricho navideño cun contrato bianual.
O Grupo Municipal do BNG explica que o custo do poboado lapón é aínda maior: á súa montaxe (90.408,5 euros) hai que lle sumar o custo da animación (aínda non adxudicado e licitado por 108.000 euros), o custo do outorgamento de autorizacións de ocupación especial da praza con atraccións infantís e outros postos (aínda non adxudicado e licitado por 1.650 euros), o custo da seguridade (aínda non adxudicada pero licitada por 18.000 euros) e o custo da publicidade (cuxo prezo o ano pasado ascendeu a 21.628,75 só no caso dos 125 valados publicitarios instalados en exterior).
As nacionalistas volven denunciar que os gastos derivados do poboado lapón son completamente prescindíbeis e representan a opulencia na que vive instalado o Partido Popular, á vez que a inmensa maioría do pobo vive, cada día, máis empobrecida.