O PP vai construír o túnel da Mariña por conta do pobo para que o Porto faga negocio
A Coruña, 7 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que o PP pretende construír o túnel da Mariña por conta da cidadanía para que a Autoridade Portuaria faga negocios urbanísticos, xa que poderá facer caixa coa superficie do túnel cando os peiraos estean desafectados. As nacionalistas critican que o Concello da Coruña vaia pagar 16,5 millóns dos 18,5 millóns que custará a obra (16,5 a construción do túnel e 2 millóns a urbanización da superficie) e que a gran beneficiada, a Autoridade Portuaria, pagará só 2 millóns de euros. Ademais, tal e como advertiu a Intervención municipal no expediente que foi a Xunta de Goberno Local extraordinaria, o Concello será quen asuma a conservación e o mantemento das obras executadas.
As nacionalistas advirten de que xa o PXOM contempla o soterramento do viario e a desafectación dos terreos (cualificados como solo urbano non consolidado) para que se poida urbanizar. Ao construír este túnel, cuxo custo ascende a 16,5 millóns, quedará liberada a superficie e poderase perpetrar o desenvolvemento urbanístico dos peiraos (previamente desafectados). É por iso que o Grupo Municipal do BNG alerta de que o Concello da Coruña financia unha obra que non lle corresponde para que a Autoridade Portuaria faga negocio coa venda dos peiraos, unha vez desafectados e liberada a superficie do viario.
Que o túnel é innecesario é algo que xa recolleu a memoria do PEPRI, que sinala que na área da Mariña a accesibilidade está suficientemente garantida nas condicións actuais e mesmo alude ao posíbel efecto chamada ao tráfico do túnel, ademais de apuntar á inexistente conxestión viaria neste ámbito.