O PP súmalle ao orzamento de festas 1 millón de euros e ao de Servizos Sociais tan só 250.000
A Coruña, 7 de novembro de 2013.- Á espera de que o PP lle permita aos demais Grupos da Corporación o acceso aos orzamentos municipais para 2014, a concelleira do BNG María Xosé Bravo pon de manifesto que o edil de Servizos Sociais mente máis que fala despois de ter coñecemento da información que ofreceu o Sr. Lorenzo na rolda de prensa en que presentou os orzamentos do seu departamento para 2014.
En primeiro lugar e á espera dunha análise detallada unha vez teña acceso aos orzamentos, María Xosé Bravo critica as prioridades do Partido Popular nos orzamentos do ano que vén. E é que, mentres aumenta a partida para festas en máis de 1 millón de euros, a partida de servizos sociais só sobe 252.638 euros. A nacionalista desmonta a primeira das mentiras do edil de Servizos Sociais: a falacia dos orzamentos sociais. O departamento que dirixe Miguel Lorenzo pasa de contar con 15,3 millóns de euros nos orzamentos de 2013 a contar con 15,5 nos orzamentos de 2014, o que representa tan só un 1,6% respecto dos orzamentos de 2013, cando o orzamento global ascende ao 2,6%.
Sobre a partida de mantemento dos edificios dos centros cívicos, a concelleira do BNG advirte de que se trata dunha nova obra de enxeñería contábel do PP. E é que o Goberno do Sr. Negreira deixara reducida esta partida á mínima expresión nos dous anos anteriores. Así, mentres esta partida contaba con 111.624 euros nos orzamentos de 2011, no seu primeiro ano de Goberno o PP reduciu esta partida a 41.500 euros e recortouna a 35.000 euros nos orzamentos de 2013. Despois do tesoirazo no mantemento dos edificios dos centros cívicos nun 70%, ao PP non lle queda máis remedio que aumentala se o Goberno do PP non quere que se lle caian os centros cívicos, sinala a nacionalista.
Por último, María Xosé Bravo, quen alerta do engano do PP na comparativa coas últimas partidas orzamentarias do anterior goberno, tamén desmonta a mentira da partida de emerxencia social. E é que o PP decide gastar a mesma cantidade en emerxencia social que o ano pasado, 660.000 euros, malia que a crise foi a máis e o número de persoas que se atopan en risco de exclusión social aumentou ao 20%.