O PP cede de balde e prohibe o uso do Teatro Rosalía en base a criterios ideolóxicos
A Coruña, 6 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia que a concelleira de Cultura do PP, Ana Fernández, permite e veta o uso do Teatro Rosalía en base a decisións ideolóxicas e contra o criterio técnico. A nacionalista María Xosé Bravo vén de confirmalo despois de ter acceso ao expediente de cesión do Rosalía a Hogueras de San Juan, expediente en que se recolle o informe negativo do técnico. Malia este informe negativo, a edila de Cultura do PP decidiu cederlle o Rosalía, de balde, a Hoguera de San Juan, unha decisión que contrasta co veto que sufriu a asociación cultural Cántigas da Terra.
Segundo o expediente consultado pola concelleira do BNG, no informe proposta, a edil de Cultura argumenta que la entidad (Hogueras de San Juan) no tiene ánimo de lucro y se trata de una actividad de tipo cultural, argumento que serviría tamén para outorgarlle a Cántigas a cesión do Rosalía. O que máis lle chamou a atención á nacionalista é que, no informe proposta, Ana Fernández sinala que en informe que se adjunta, (o técnico) considera que se deben derivar estas cesiones al Ágora, tal y como se hizo con la mayoría de las solicidades procedentes de asociaciones culturales.
Malia facer mención expresa á negativa do técnico a que Hogueras de San Juan use o Rosalía, a edila do PP proponlle ao Consello Reitor do IMCE o uso gratuíto do Teatro Rosalía a Hogueras de San Juan para o 25 de abril de 2013 e o 22 de maio de 2013, para o Certame de danza da noite da queima e para o acto de exaltación da meiga maior e o aquelarre poético.
Os técnico xustifica a negativa en base a que se trata dunha actividade sociocultural e en que hai que poñer en valor o Teatro Rosalía
No informe negativo do técnico, incorporado no expediente ao que tivo acceso a concelleira do BNG, afírmase que desde a apertura do Ágora se derivan a este recinto moitas peticións en base á 1) saturación programática do Rosalía, 2) posta en valor do Rosalía e 3) maior custo real do funcionamento. Por iso (o Ágora) é o lugar máis acaído porque a actividade é de tipo sociocultural (isto último, en tipografía negriña no informe), advirte o técnico.
O informe do técnico segue, Consonte ao exposto consideráse procedente que:
- Tendo en conta a natureza da actividade e da entidade promotora, deberan derivarse (en tipografía negriña no informe) ao Ágora, tal e como se fixo coa maioría de asociacións culturais.
- Dado que a actividade é sociocultural, o recinto máis acaído é o centro social Ágora.
A concelleira de Cultura debe considerar que Cántigas é demasiado gallega e prefire exaltar a meiga maior
Despois de acceder a este expediente, María Xosé Bravo advirte de que a concelleira de Cultura do PP debe considerar que Cántigas da Terra, entidade cultural que en 3 anos cumpre o seu centenario, é demasiado gallega e debe prefirir exaltar a meiga maior.
Só a ignorancia da dereita que nos goberna descoñece que o Teatro Rosalía é berce e fogar de Cántigas da Terra, entidade que nos últimos anos celebraba o seu Ciclo de Coros Históricos no Rosalía, salienta. De feito, Cántigas leva organizando de xeito ininterrumpido festivais neste teatro desde 1917, festivais en que viron a luz obras de Lugrís Freire ou de Leandro Carré.
Na medida en que Cántigas da Terra desenvolve actividades culturais e axuda a poñer en valor o Rosalía, o BNG esíxelle ao Goberno municipal do PP que, o ano que vén, Cántigas volva ao seu espazo natural.