O PP recorta o 4% en educación mentres presume de incrementar o orzamento xenérico no 3,2%
A Coruña, 13 novembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG denuncia un tesoirazo do 4% nos orzamentos da Concellaría de Educación respecto das contas de 2015. Así, mentres o Goberno do Sr. Negreira alardea dunha suba do 3,2% do orzamento xenérico suba motivada polo dispendio da obra da Mariña-, o orzamento de Educación baixa o 4%. Descende, principalmente por dous motivos: a redución nas partidas de obras de investimento e mantemento de CEIP e de programas educativos.
As nacionalistas advirten de que, curiosamente, nunha das poucas competencias que posúe a Concellaría, o amaño de centros de ensino de Educación Infantil e de Primaria, volve caer un ano máis. Lembran as nacionalistas que en 2011, último ano do anterior goberno, esta partida estaba en 1.354.751 euros e que foi descendendo ano a ano. Deste xeito, os orzamentos de 2014 recollían 911.500 euros e os orzamentos de 2015 recollen só 879.707 euros. Ademais, a partida de Programas educativos cae dos 345.920 euros orzados en 2014 aos 291.248 euros orzados para 2015.
A escola infantil de Padre Rubinos custaralle ao Concello 115.000 euros máis que o ano pasado
Outro dos aspectos sobre o que as nacionalistas chaman a atención é a transferencia da Concellaría de Educación a Padre Rubinos para a escola infantil Carmen Cervigón, que lle resulta bastante máis cara ao Concello, ao pasar de 55.000 euros de 2014 aos 170.000 euros de 2015, un total de 115.000 euros máis.
O Grupo Municipal do BNG sinala que esta transferencia vén demostrar que, ao contrario do que aseveraba o Goberno do PP, non hai aumento ningún de prazas para escolas infantís municipais. As nacionalistas lembran que o PP presumía de incrementar o número de prazas ao pasar a escola privada Carmen Cervigón á rede pública de escolas municipais. Porén, ao entregárselle a Padre Rubinos, a citada escola non pode ser considerada como municipal e, por riba, tal e como reflicten os orzamentos municipais, sáelle máis cara ao Concello.
As partidas destinadas á UdC caen de xeito significativo
Por último, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que esta falta de aposta dos orzamentos de 2015 polo ensino público tamén se estende ao ámbito universitario, xa que volve conxelarse o convenio coa Uned e caen de xeito significativo distintas partidas destinadas á Universidade da Coruña (UdC). Deste xeito, o Goberno do PP volve demostrar que non considera a UdC un sector estratéxico da cidade capaz de xerar emprego e de dinamizar a economía.