LUZ VERDE ÁS MOCIÓNS DO BNG SOBRE O 8M E EN MATERIA DEPORTIVA
PP e PSOE, en contra da nosa moción para a limitación dos pisos turísticos
Os grupos municipais de PP e PSOE uniron os seus votos no Pleno para rexeitaren a moción coa que o BNG defendía que se puxese límites aos pisos turísticos antes da conclusión do mandato.
En realidade, o PP votou a favor dunha emenda de substitución do PSOE ao texto do BNG, emenda que o BNG rexeitou. Ao ser aprobada esta, a moción nacionalista, que si contou co apoio da Marea Atlántica, automaticamente ficou rexeitada.
O BNG desbotou a emenda de substitución do PSOE porque nela se descartaba adoptar medidas urxentes e se comprometía unicamente a constitución dunha mesa de traballo con vistas a estudar hipotéticas mudanzas normativas, en tanto que a formación nacionalista defendía que, xa antes de concluír este mandato, se iniciase o proceso de revisión do PXOM de 2013 e o PEPRI da Cidade Vella e a Pescaría.
Esa revisión tería de ir encamiñada a que só poda haber vivendas para o uso turístico en baixos ou primeiras plantas ou, no seu defecto, en todo o edificio, mais sempre cunha porcentaxe máxima por rúa.
“Hai tempo que as vivendas de uso turístico están a condicionar o xeito de habitarmos as cidades. Ë coñecido que adulteran os prezos do aluguer –ao dispararen a escalada de prezos- e a cantidade de vivendas dispoñíbeis para o arrendamento convencional”, afirmou a defensora desta iniciativa, a concelleira nacionalista Avia Veira.
A moción perseguía tamén que o Executivo coruñés traballe na redacción dunha ordenanza que regule as condicións que deben ter os pisos turísticos e, consecuentemente, artelle un réxime sancionador en caso de incumprimento.
“Demandamos tamén”, explicitou Veira, “que se actualice o estudo sobre o estado da vivenda e que o Goberno Local vixíe que as vivendas cuxas obras se realicen con fondos municipais non sexan logo explotadas turisticamente”.
O BNG impulsou esta moción ante a pasividade dun Executivo coruñés que en primeira instancia optou por non facer nada e que despois, premido pola presión política, tentou saír de paso propondo a constitución dunha mesa sectorial no primeiro semestre do ano, isto é, superando mesmo o límite temporal deste mandato. “Este é o mellor exemplo de que non hai vontade real de regular as vivendas de uso turístico, mais á vez de que se ven obrigados a saír publicamente a dicir que van facer algo por pura presión política”.
APOIO ÁS MOCIÓNS SOBRE O 8M E A POLÍTICA DE DEPORTES
O Pleno si aprobou as mocións do BNG sobre o 8M e a política do Goberno Local en materia de deportes.
A primeira –por medio da cal se demandaba o apoio do Pleno ás mobilizacións do feminismo galego e se instaba a Xunta a que criase o Instituto Galego, a Unidade de Saúde Integral e a Valedoría da Muller- contou co apoio da Marea Atlántica e colleitou as abstencións de PP e PSOE. A segunda –a emprazar a alcaldesa a convocar o Consello Municipal de Deportes paralizado após as renuncias sucesivas da concelleira delegada e do director de área- incorporou unha emenda da Marea Atlántica para os convenios coas entidades deportivas se materializaren a partir de procesos de concorrencia competitiva.