Jorquera pide que a investigación sobre o STL chegue ás últimas consecuencias
Jorquera lembrou que o grupo municipal do BNG, por medio de preguntas por escrito e oral, alertou o Goberno Local sobre as irregularidades que supostamente se estaban a producir, e que agora son obxecto de investigación, arredor da contratación do persoal e da promoción interna nas empresas concesionarias da limpeza e a recollida de lixo.
En concreto, Jorquera quería saber se o Goberno Local estaba a velar por que os criterios de contratación do persoal e de promoción interna fosen “equitativos e transparentes”.
A pregunta oral fíxoa o candidato nacionalista á Alcaldía no Pleno do pasado 7 de xullo. Nesa sesión, Jorquera remarcou que “os criterios de contratación do persoal e de promoción interna teñen que ser equitativos e transparentes”. “E estes non son competencia nin dun grupo nin dun señor, senón que son competencia da concesionaria e é obriga do Concello velar pola equidade e a transparencia nos criterios de contratación”.
“Este grupo municipal”, dixo Jorquera naquel Pleno, “é coñecedor de prácticas que atentan contra estes principios e que motivaron a presentación dunha pregunta escrita para este mesmo Pleno”.
Con efecto, a pregunta rexistrouna o BNG o 15 de xuño pasado. “Está exercendo o Goberno Local algún tipo de tutela para que as políticas de persoal na empresa concesionaria se rexan polos principios de equidade e transparencia?”, inquiría Jorquera.
A resposta do Executivo coruñés foi a de que “obrarase en consecuencia de acordo á legalidade” a partir do que “poidan determinar as autoridades competentes policiais e xudiciais”.