O PP presume de actividades de lecer nos centros cívicos malia desmantelar os servizos sociais
A Coruña, 27 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira presuma hoxe de que ofrecerá 10.000 horas ao ano de actividades de lecer nos centros cívicos cando vén de desmantelar os servizos sociais comunitarios básicos que se prestaban desde estes espazos e cando vén de suprimir a persoa profesional de referencia.
As nacionalistas amosan a súa rotunda oposición a que o Goberno municipal elimine o principio de descentralización e de proximidade dos servizos sociais e a que se camiñe no sentido contrario do que indican as profesionais, as persoas expertas e mesmo a lexislación. Así, critican o modelo asistencialista e de beneficencia do Partido Popular, que se basea na rendibilidade económica e que deixa á marxe a rendibilidade social e as necesidades das persoas máis desfavorecidas.
O Grupo Municipal do BNG sinala, ademais, que a reestruturación e desmantelamento da área de Servizos Sociais está a provocar un gran malestar entre as traballadoras ao veren recortados os seus dereitos e condicións laborais.