O PP négase a aceptar a creación da comisión de desafiuzamentos cos movementos sociais

O PP négase a aceptar a creación da comisión de desafiuzamentos cos movementos sociais

A Coruña, 4 de marzo de 2013.- Despois de botar abaixo a moción presentada polo BNG para que os bombeiros e bombeiras do Concello da Coruña non participasen en desafiuzamentos nin en embargos, o Goberno municipal renunciou á creación dunha comisión sobre desafiuzamentos en que estivesen incluídos os movementos sociais. Así o asegurou o concelleiro de Servizos Sociais en resposta a unha pregunta oral formulada polo portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril. Curiosamente, o edil do Partido Popular reprochoulle ao BNG que non fixese propostas para evitar os despexos, cando o nacionalista estaba a propoñerlle a constitución desta comisión especial, que xa está operando en Concellos non só do Estado español, senón tamén da comarca, como en Culleredo. Tamén sorprende esta resposta cando as nacionalistas levaron ao pasado Pleno de decembro unha completa moción, elaborada conxuntamente con Stop Desafiuzamentos e Arquitectos sen Fronteiras, con propostas específicas a acometer desde o eido municipal, unha iniciativa que o Partido Popular nin permitiu debater e que contemplaba, precisamente, a constitución desta comisión de traballo.

Na súa intervención, Carril aludiu ás ocasións que tivo o Pleno desta Corporación Municipal para pronunciarse sobre o grave problema dos desafiuzamentos, "un drama social de dimensións preocupantes que se vai incrementando cada día que pasa, e moito máis con normas que van ser aprobados polo Parlamento español, como é o caso do proxecto de lei de medidas de flexibilización e fomento do mercado de alugueiro de vivendas, que contempla unha versión exprés de desafiuzamentos".

O portavoz nacionalista puxo de manifesto que a finalidade da pregunta "é aproveitar que todas e todos recoñecemos que é un problema grave para traballarmos conxuntamente a nivel municipal, polo menos, na parte relativa á necesidade de evitarmos ou reducirmos as consecuencias deste grave problema". Neste punto, aludiu ao paso dado polo Goberno municipal coa adhesión do Concello ao convenio do fondo social de vivendas da FEMP e das entidades bancarias. Un convenio, lembrou, que o BNG non comparte porque perpetúa o réxime xurídico actual e beneficia máis as entidades bancarias que as propias persoas desafiuzadas. E é que, tal e como explicou, "a entidade que te bota da túa casa queda coa túa vivenda e pón a túa disposición outro dos seus inmobles en réxime de alugueiro, dando saída ao seu parque inmobiliario".

Con todo, Carril salientou a importancia de "traballarmos todos e todas conxuntamente na resolución das consecuencias negativas deste problema a través da constitución dunha comisión municipal de desafuizamentos, composta por técnicos municipais, portavoces municipais e plataformas contra os desafiuzamentos, co fin de atender e axudar as persoas desafuizadas". Trataríase, explicou, de seguir os pasos de comisións que xa operan en concellos non só do Estado español, senón mesmo en Concellos da nosa comarca.

A continuación, o portavoz do Grupo Municipal do BNG puxo como exemplo o caso de Culleredo, que conta cunha comisión municipal de desafiuzamentos composta por distintas entidades sociais, técnicos municipais, asesores xurídicos e portavoces dos grupos municipais (Concellaría de Benestar e Dinamización Social, Concellaría de Seguridade Cidadá, Concellaría de Sanidade e Consumo, PSOE, ApdC, PP, BNG, Centro de Saúde de Culleredo, Plataforma Stop Desafiuzamentos, Asociación de usuarios de bancos, caixas e seguros (Adicae), ACCEM, Arquitectos sen fronteiras, Cáritas, Federación de A VV, Asesoría Xurídica do Concello, Departamento de Servizos Sociais, Departamento de Consumo e Pedagogo da área de Benestar) que está a funcionar moi ben e con moi bos resultados.

Salientou que a comisión municipal de desafiuzamentos de Culleredo ten entre outros obxectivos mobilizar as axudas ao aluguer para casos de desafiuzamentos, mobilizar as axudas para evitar o corte de subministros básicos como a auga, a luz ou o gas, así como gastos para a alimentación. Tamén persegue implementar medidas preventivas previas á situación de desafiuzamento, mediando coas entidades financeiras, e deste xeito evitar a perda da vivenda e o consecuente risco de exclusión social e familiar e acometer todas aquelas medidas que, desde a institución municipal, tendan a modificar o status quo da lexislación e procedementos á materia hipotecaria.

Por último, Carril sinalou que "cada Concello ten a súa propia realidade, mais coido que aquí non é nada diferente neste sentido á realidade da Coruña". "Coido que nada impide constituírmos esta comisión para traballarmos conxuntamente no mesmo sentido a nivel municipal. E nada debería impedilo tendo en conta que todos os grupos municipais desta corporación opinamos unanimemente que estamos ante drama social de grandes dimensións", salientou. Porén, a resposta do edil de Servizos Sociais foi negativa.

O Goberno municipal defende que o Goberno central non destinara nin un só céntimo á limpeza da ría do Burgo nos dous últimos orzamentos xerais

Á pregunta formulada pola concelleira do BNG, María Xosé Bravo, sobre as declaracións do alcalde nas que cualificaba de "teatrillo" a visita dos e das eurodeputadas á ría do Burgo, o Goberno municipal negou as palabras do Sr. Negreira e apelou ao suposto compromiso por escrito do Goberno central coa limpeza da ría. O Grupo Municipal do BNG lamenta que o Goberno do Sr. Negreira prefira, unha vez máis, defender o Partido Popular que o colectivo de traballadores e traballadoras do mar, dicindo que o Goberno central se comprometeu por escrito á rexeneración da ría. E isto, malia saber que o Goberno do Sr. Rajoy non destinou nin un só céntimo dos dous últimos orzamentos xerais á limpeza da ría.

Na súa intervención, Bravo cualificou de "escándalo" o estado da ría. "E non o di o BNG, dio o conservador francés Philippe Boullant na recente visita, visita en que se puxo en evidencia unha realidade reiteradamente denunciada polo BNG e polo sector marisqueiro: o terríbel proceso de degradación da ría e a histórica falta de vontade do Goberno español e da Xunta de Galiza", afirmou.

A nacionalista, que acusou o Goberno municipal de "tratar de agocharlle a situación ao Parlamento europeo", salientou que "unha deputada austríaca chegou a dicir vimos obxectos no mar e inmudicia, pero as autoridades locais din que todo está ben. E que estamos nós cegos, dicía ela". Nesta liña, reprochoulle ao alcalde o seu desprezo cara a ría do Burgo e que non acudira á reunión convocada pola Plataforma en Defensa da ría do Burgo.

Aproveitou Bravo para lembrar que en só tres décadas, do 85% dos espazos da ría que eran produtivos, pasouse a menos do 20% e alertou de que "se non corriximos a tendencia, a curto prazo asistiremos á morte produtiva da ría". Sinalou, ademais, que en tres décadas se perderon máis de 2.000 postos de traballo. "E que fan vostedes ante esta situación?, Nada!", denunciou. Tamén criticou o "desleixo" e a "indolencia" da Xunta de Galiza e do Goberno central "cun problema de saúde medio ambiental e económico do que dependen moitos postos de traballo". Foi entón cando a concelleira nacionalista citou a Castelao, "as sardiñas volverían se os gobernos quixesen". "Por iso, reclamamos que se lle esixa ao Goberno galego a posta en marcha, con carácter de urxencia, dun Plano de Rexeneración e Recuperación Produtiva da ría do Burgo, con financiamento compartido entre o Goberno central e a Xunta de Galiza", afirmou.

Criticou Bravo que a Xunta de Galiza non recollera ningunha dotación específica nos orzamentos de 2013 e que rexeitara as emendas parciais presentadas polo Grupo Parlamentar do BNG aos orzamentos na que reclamaba 3 millóns para o saneamento integral da ría e 1 millón para un plan de recuperación dos bancos marisqueiros.

"Gobernar, Sr. Negreira, significa pilotar un barco", concluíu, "póñase a facelo, non miren cara outro lado, alí onde gobernan son inoperantes, ineficaces, inactivos e insensatos".

O alcalde, en vez de fomentar a liberdade de expresión do pobo que asiste ás sesións plenarias, defende a liberdade dos e das concelleiras a intervir en Pleno, algo que nunca se viu comprometido

No que respecta á pregunta oral formulada pola concelleira Avia Veira sobre as denuncias recibidas por sete membros da Comisión de Afectados e Afectadas de Durmideiras, o Goberno municipal tratou de lavarse as mans dicindo que só lle trasladara á Fiscalía o informe policial da sesión plenaria de agosto de 2012, en que se aprobou provisionalmente, por vez primeira, o PXOM. Veira sinalou que nese día "pretendeuse que algunhas persoas non accedesen ao Salón de Plenos a través de mentiras e presionouse mediante a presenza dun número elevado de efectivos policial e de advertencias continuadas por parte destes só aos membros da Comisión".

"O único que fixeron durante a sesión foi expresar o seu descontento coa pretendida especulación nas Durmideiras coa exposición de carteis reivindicativos, non ofensivos, que recollían o seguinte: Non á edificación das Durmideiras, melloras para o barrio si, especulación urbanística non!", lembrou Veira. "As persoas denunciadas comportáronse de xeito pacífico e cívico e non ofreceron nin oposición nin resistencia cando a Policía lles ordeou abandonar o salón", engadiu.

"Non entendemos que se continúe nesta liña no lugar de resolver os problemas, sentarse con esas plataformas e asociacións para falar ou simplemente contestar as solicitudes de reunións que arredor dunha ducia de asociación lles teñen pedido e non dan respondido", salientou a concelleira do BNG, quen reclamou que se retiren as denuncias, tal e como solicitaban as nacionalistas nunha das mocións que o PP non permitiu debater.

Na súa intervención, Avia Veira denunciou o acoso ao que se ve sometido o pobo que pretende asistir aos Plenos. "Primeiro é inasumíbel que no lugar onde se reúne o órgano da máxima representación política do pobo, non se lle deixe falar nin manifestarse, pois non é nin necesario que as persoas berren: só en canto moven un dedo xa hai orde que as boten fóra", denunciou.

Por último, e na mesma liña, Veira afirmou que "as actitudes despóticas deste Goberno municipal mais, sobre todo, da organización política que o ostenta, están a rematar coa democracia". "Non son vostedes os donos das institucións, parece que llo hai que recordar dadas as actitudes que se veñen reproducindo neste Pleno".

Nun xesto que non é habitual, o alcalde interveu, nada máis rematar de falar a concelleira nacionalista, para dicir que adoptará todas as medidas oportunas para garantir que os e as concelleiras poidan intervir en absoluta liberdade e coa máxima liberdade posíbel nas sesións plenarias. É dicir, en vez de fomentar a liberdade de expresión do pobo que asiste ás sesións plenarias, o alcalde defende a liberdade dos e das concelleiras a intervir en Pleno, algo que nunca se viu comprometido.

 

O PP négase a aceptar a creación da comisión de desafiuzamentos cos movementos sociais