O PP fai agora o que tanto criticaba ao BNG: non recorrer sentenzas de Someso, porque non se podía
A Coruña, 7 de febreiro de 2013.- O Goberno municipal do PP, que tanto criticaba e acusaba os concelleiros do BNG de non recorrer en casación ante o Tribunal Supremo as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza ditadas no caso Someso, ten que recoñecer agora que estas sentenzas non son susceptíbeis de recurso en casación ordinaria. E faino coñecendo e consentindo por non ser susceptíbeis de recurso as sentenzas ditadas polo TSXG. De admitirmos o discurso demágoxico, infundado e absurdo do Goberno municipal contra o BNG, acusando os seus concelleiros de "cómplices" por non recorrer, habería que admitir, sen máis, que o propio Goberno municipal do Partido Popular tamén o sería por coñecer e por consentir as sentenzas.
Menos mal que o Goberno municipal caeu da burra e por fin recoñece o que tantas veces lle advertira o Grupo Municipal do BNG: que contra as sentenzas do TSXG non cabe o recurso en casación ordinaria. Como moito, só é admisíbel a interposición dun recurso de casación extraordinario, un recurso que, dacordo coa Lei Xuridiscional (Lei 29/1998) non afectaría nin ao fallo das sentenzas nin ás súas consecuencias xurídicas (a reversión dos terreos e a indemnización substitutoria). Este recurso en interese de lei é manifestamente improcedente e está avocado ao fracaso, dado que o que se cuestiona nestes procedementos era se a adquisición dos terreos se efectuara dentro dun procedemento expropiatorio, e iso é unha cuestión de feito, non revisábel en casación.
Non chama a atención que o Goberno municipal teña que coñecer e consentir as sentenzas non recorríbeis en casación ordinaria do TSXG, que é o que corresponde por lei. O que realmente chama a atención é como xustifica a súa decisión con críticas verdadeiramente duras ao TSXG e aos seus maxistrados. E é que o Goberno municipal, nunha demostración de prepotencia e de falta de respecto á Administración de Xustiza, fai seu o informe da Asesoría Xurídica que conclúe da seguinte maneira en relación coa actuación do TSXG no caso das expropiacións de Someso:
"Lo que pone de manifiesto que el tribunal, en una actuación verdaderamente censurable incluso desde el punto de vista penal-, ni se paró a leer el recurso de apelación ni tampoco consultó la documentación acreditativa de los hechos al no añadir ningún razonamiento de fondo que no fuese reproducir en unas pocas líneas lo que había dicho la sentencia de instancia".
Sorprende que esta contundencia contra o TSXG e os seus maxistrados non a teña o Goberno municipal para revisar de oficio todas as actuacións e acordos adoptados sobre Someso, que poderían posibilitar que os tribunais cambien de criterio, e para proceder, en consecuencia, contra os promotores que se apropiaron dos bens do Concello, que é o que lle está a esixir o Grupo Municipal do BNG desde hai tempo.