O PP executa a peonalización da Cidade Vella sen pór en marcha o aparcadoiro perimetral previsto
A Coruña, 19 de agosto de 2014- Un día despois de que o Goberno do Sr. Negreira comezara coa primeira fase da peonalización da Cidade Vella e despois de que o BOP publicara a Orde asinada pola concelleira Begoña Freire, o Grupo Municipal do BNG advirte de que, contrariamento ao sinalado no PEPRI, a peonalización está a ser executada sen ter posto en marcha o aparcadoiro perimetral previsto.
As nacionalistas salientan que a páxina 49 da memoria do PEPRI, que pode consultarse na seguinte ligazón, recolle que "De cara á definitiva peonalización do viario da Cidade Vella, a proposta incorporada ao Plan Especial debe ser entendida como un conxunto de criterios e obxectivos a ter en conta na elaboración dun Plan de Actuación específico para a Peonalización da Cidade Vella, que ordene definitivamente a regulación do tráfico e do aparcadoiro para cada rúa".
Ademais, o Bloque chama a atención sobre a páxina 106, na que se sinala que a proposta do Plan Especial trata de estender a formalización dos espazos destinados ao aparcadoiro á totalidade do viario do ámbito, reducindo drasticamente as posibilidades de aparcadoiro no viario do ámbito interior da Cidade Vella, de cara á definitiva peonalización do seu viario interior. Neste sentido, a proposta que se incorpora ao documento do Plan Especial debe concretarse coa elaboración dun Plan de Actuación específico de Peonalización da Cidade Vella, que ordene definitivamente a regulación do tráfico e do aparcadoiro para cada rúa.