O BNG empraza o Goberno a garantir as condicións laborais d@s traballador@s das concesionarias
A Coruña, a 17 de agosto de 2014. O Grupo Municipal do BNG vén de presentar un rogo en que lle pide ao Goberno do Sr. Negreira que vele polos dereitos dos e das traballadoras das concesionarias municipais, dado que as empresas que traballan para o Concello están a realizar unha política laboral que atenta contra os dereitos dos e das empregadas.
Así, aos despedimentos súmanselles os atrasos no pagamento dos salarios e a modificación de horarios e de condicións laborais. É o caso das traballadoras sociais da axuda a domicilio, da limpeza e traballadores e traballadoras dos museos científicos ou da seguridade de edificios municipais, entre moitos outros. Diante desta problemática, advirte o BNG, o Goberno municipal nunca enfronta o problema e deixa os e as traballadoras nunha situación de indefensión, o que prexudica os intereses dos e das empregadas e, á vez, reduce a calidade do servizo prestado.
Neste contexto, o BNG empraza o Goberno a incluír unha cláusula nos contratos en virtude da cal se poida rescindir os servizos de calquera empresa adxudicataria, sen dereito a indemnización ningunha, se resulta condenada (en sentenza firme ou en resolución da Inspección de Traballo) por vulneración de dereitos fundamentais, por despedimento nulo ou por calquera outra vulneración dun dereito fundamental das e dos traballadores. Tamén pide o BNG a inclusión dunha cláusula nos contratos para que as empresas que foran condenadas polos citados motivos non poidan optar a un concurso público.
O BNG promove a garantía de ofrecer calidade nos servizos prestados
A través desta iniciativa, o Grupo Municipal do BNG quere garantir que o sector público consiga a mellora calidade polos recursos gastados nos servizos subcontratados. As nacionalistas manteñen que ese deixar facer que caracteriza o Sr. Negreira permite atrasos nos salarios e despedimentos que despois a xustiza cualifica como nulos. As administracións públicas, salientas as nacionalistas, poden e deben xogar un papel fundamental á hora de garantir a calidade do servizo, de aí que defendan que a supervisión do contrato sexa primordial.
De incluírense as cláusulas propostas polo BNG nesta iniciativa, as empresas privadas saberán que o Concello da Coruña aposta de xeito decidido polos dereitos laborais dos traballadores e traballadoras, polo emprego estábel e polo cumprimento das condicións laborais pactadas. E, á vez, a cidadanía verá garantida a calidade dos servizos que se lle prestan.