O PP enganou a cidadanía cando vendeu como proposta estrela o metro lixeiro
Os reiterados incumprimentos de Rajoy, de Feijóo e de Negreira provocaron que o PP perdera a pouca credibilidade coa que contaba. Tanto como Rajoy, como Feijóo, como Negreira poderán volver presentarse ás próximas eleccións cos mesmos programas cos que se presentaron, xa que nin Rajoy baixou o IVE (lonxe diso, aumentouno), nin Feijóo acabou coa crise en 45 días (lonxe diso, subiu o paro un 23 por cento en Galiza nestes anos, fronte á suba do 10 por cento no conxunto do Estado español) nin Negreira vai facer realidade os power points cos que bombardeaba a cidadanía co metro lixeiro.
Cando a Xunta de Galiza aprobou os orzamentos, o Grupo Municipal do BNG xa evidenciara a burla de Feijóo á cidade da Coruña, xa que lonxe de investir os 1,5 millóns de euros previstos, só orzou un estudo de 158.000 euros, para seguir estudando o estudado. E é que o Sr. Feijóo leva xa gastados máis de 1 millón de euros en estudos para o metro lixeiro, que ficarán en papel mollado.
As declaracións do conselleiro de Medio Ambiente súmanse ás palabras do director de Mobilidade, que en xullo deste ano cuestionou publicamente os plans do metro lixeiro para A Coruña.