O PP demostra estar ao servizo das empresas e non do pobo co trasfego de auga de Meirama a Cecebre
A Coruña, 28 de outubro de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego salienta que os beneficiados do transvasamento entre Meirama e Cecebre son Gas Natural Fenosa e unha minicentral e non a cidadanía, que pagará as obras e consumirá unha auga de peor calidade e máis cara.
Así, o Bloque Nacionalista Galego sinala que o desaugamento do lago artificial de Meirama ao río Barcés que tiña que facer a empresa Gas Natural Fenosa, segundo a resolución da declaración de impacto ambiental sobre a enchedura con auga do oco da mina de Meirama, agora vaina facer a Xunta de Galiza, a través de Augas de Galiza, co proxecto construtivo de abastecemento da área metropolitana da Coruña a partir do lago artificial da central de Meirama.
Deste xeito, Gas Natural Fenosa vai ser beneficiada aforrando o gasto que esta empresa tiña que asumir a conta do erario público, pois a Xunta nin lle reclama nada do que estaba obrigada a facer, e non só iso, senón que asume un gasto inicial de un millón catrocentos mil euros, segundo os orzamentos da Xunta para o ano 2014, para comezar as obras de canalización. A Xunta de Galiza disfraza estas obras cunha suposta necesidade de abastecemento da Coruña e a súa área.
Ademais, o BNG sinala que outra beneficiada, como xa leva tempo denunciando, deste proxecto de transvasamento de auga de Meirama a Cecebre é Minicentrales Eléctricas de Galicia, S.L. O aproveitamento hidroeléctrico ao pé do encoro de Cecebre, que fora concedido xa en 1998, nunca foi declarada a súa caducidade por parte da Xunta de Galiza. Mentres, Minicentrales Eléctricas de Galicia, S.L., no momento en que o novo transvasamento de auga fixo rendíbel a minicentral, retomou o proxecto, activando de novo a licenza, o 22 de outubro de 2012, solicitando instalar as liñas de media tensión que conectarían a minicentral co tendido eléctrico de Fenosa.
Un proxecto que só perxudica ao pobo
Todos os informes de impacto ambiental que existen a redor do proxecto de transvasamento de auga, así como do proceso de enchedura da mina de Meirama para facer un lago artificial, destacan a necesaria depuración das augas do lago artificial, pola baixa calidade da mesma e alta contaminación. Unha depuración que segundo o informe de impacto ambiental, de 2 de abril de 2009, di que tería que facer Gas Natural Fenosa, antes de que a auga saira do lago e que agora vai facer EMALCSA, encarecendo así o recibo da auga ao mesmo tempo que se empeora a calidade da auga que chega aos fogares coruñeses.
O Bloque Nacionalista Galego exixe á Xunta de Galiza e a Augas de Galiza que desistan dunha obra que debería facer Fenosa. Nun momento de brutais recortes, non se pode entender esta obra máis que desde o punto de vista dun goberno que só busca a rendibilidade dos negocios das/os amigas/os en lugar de defender o interese xeral.