O PP dedica un terzo do modificativo a asfalto e quita cartos a servizos sociais públicos e comercio
A Coruña, 30 de setembro de 2014.- O BNG denuncia que á vez que se dedica un terzo do modificativo de crédito ao asfalto e ás beirarrúas, o Goberno do Sr. Negreira quítalle cartos a partidas relacionadas cos servizos sociais públicos, co comercio e mais co ensino.
Co noveno modificativo de crédito aprobado no día de onte, segundo deste ano, o Goberno municipal financia dito modificativo coa supresión, entre outras, de 80.000 euros á partida destinada ao talón restaurante, recorta 60.000 euros da partida do plan de dinamización do comercio local e resta 40.000 euros aos xa de por si escasos programas educativos. Entre tanto, dedica 850.554,68 euros ao asfalto de vías e ás beirarrúas, en concreto 400.000 euros para o contrato de reparación de firmes e mantemento de beirarrúas e áreas peonís, 230.554 euros para a terceira fase do plano de renovación de firmes e 220.000 para a realización de traballos técnicos de vías. É dicir, un 33,78 %, máis dun terzo do total do modificativo ás políticas de asfalto co fin de facer que fai nos barrios e para así tratar de contrarrestar as críticas recibidas por dedicar a meirande parte do investimento público dos orzamentos municipais á zona do Parrote-Mariña.
As nacionalistas lembran que o recorte de 60.000 euros no plan de dinamización comercial non é nada novo e así lembran que en 2013 o Goberno Local deixou sen executar 277.923,79 euros, é dicir o 39,70% do presupostado, para desenvolver accións que conlevasen a dinamización e a promoción do pequeno e medianocomercio, ademais de non gastar nada dos 207.868,77 euros que tiña previsto investir no plano de dinamización comercial da Agra dentro do programa Urbana C. Tampouco é nada novo a resta de 40.000 euros nos programas educativos, pois a propia memoria de xestión de 2013 evidencia a redución que se vén sucedendo desde o ano 2011 nos cartos destinados a esta partida (2011 1.088.269 euros; 2012 1.028.311 euros e 2013 896.271 euros).
Desde logo, o Goberno Local, con estas baixas en servizos sociais públicos, ensino e comercio non mellora a calidade de vida da veciñanza como lle gusta dicir o concelleiro Sr. Coira cada vez que presenta un orzamento ou un modificativo.
Só executado o 29,18% do investimento
O Grupo Municipal do BNG critica que a falta de tres meses para acabar o ano, o Goberno Municipal tan só leve executado o 29,18 do investimento. 45.464.969,23 euros eran os créditos totais do capítulo 6 de investimentos reais, destinado a novos equipamentos e infraestruturas ou adquisición de bens inventariábeis no orzamento aprobado para o ano 2014, e 17.689.711,57 euros eran os créditos totais do capítulo 7 de transferencias de capital. A 24 de setembro de 2014, había recoñecidas expresamente obrigas por valor de 16.768.504,39 euros de investimentos reais e tan só 1.663.237,26 de transferencias de capital. Deste modo, quedan aínda 44.722.939,15 euros por gastar do gasto de investimento.