O Concello afórralle á Autoridade Portuaria en gastos mantemento cáseque 4 millóns de euros
A Coruña, 29 de setembro de 2014.- A ampliación do Convenio de 1997, aprobado hoxe en Xunta de Goberno Local extraordinaria, pretende amparar legalmente as obras de remodelación do tramo das Ánimas para beneficio de COPASA e supón, ademais, que Autoridade Portuaria aforre en gastos de mantemento cáseque 4 millóns de euros. Estas obras, tal e como denunciou o BNG, facíanse ao abeiro do Convenio de 1997 que non amparaba esta actuación, dado que a súa finalidade só era a restauración das murallas e a adecuación da súa contoran, razón pola que se modifica agora para dar cobertura legal a estas obras nas Ánimas. Desta maneira Autoridade Portuaria vai aforrarse con este convenio cáseque 4 millóns de euros que asume o Concello da Coruña, na medida que o custe anual de mantemento e conservación que asume o concello é de 381.669,65 euros, que multiplicados polos 10 anos de duración inicial do convenio suman un total de 3.816.696,5 euros.
O novo convenio aprobado hoxe en Xunta de Goberno Local ten como ámbito, entre outras zonas, a das Ánimas, que concretamente, segundo a cláusula 2ª, pertence á Zona Urbana I (atinxe a totalidade de espazos portuarios situados no exterior do cerre do porto, desde o arrinque do Dique de Abrigo, até a rotonda de entrada ao peirao de San Diego). Nas distintas zonas sinaladas no ámbito do convenio o Concello realizará, segundo a cláusula 3ª, unha serie de servizos (limpeza pública e xestión de residuos domésticos e comerciais; conservación, mantemento e reposición de infraestrutura, pavimentos, instalacións de calquera clase, mobiliario urbano, xardinaría e iluminación pública; vixilancia e policías urbanas; e regulación do tráfico e conservación das instalacións de seguridade e regulación do mesmo). Para algunhas das zonas obxecto do convenio estes servizos terán excepcións, como sinala a cláusula 4ª, mais para a Zona Urbana I, a das Ánimas, non existirán excepción ningunha na prestación de servizos da cláusula 3ª e por tanto, o Concello da Coruña asumirá todo.
Así, e sen contar co gasto de actuacións puntuais necesarias para a entrada en vigor do convenio, que é de 5.162,10 euros, a valoración do custe económico anual que supón para o Concello da Coruña a prestación dos servizos de mantemento no ámbito do convenio é de 381.669,65 euros. Tendo en conta, sinalan as nacionalistas, que o convenio ten unha duración de 10 anos e os custes anuais son de 381.669,65 euros, resulta que con esta operación Autoridade Portuaria (aínda que agora asume un gasto de 517.321,18 euros para actuacións a realizar nestes espazos antes de que o Concello se faga cargo do seu mantemento e conservación) aforra durante 10 anos un total de 3.816.696,5 euros.