O PP está a converter A Coruña nunha fábrica de parad@s, con 10 persoas ao día no desemprego
A Coruña, 4 de decembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que os datos de paro correspondentes ao mes de novembro son alarmantes, xa que confirman a tendencia á alta do mes anterior, prexudicando máis as mulleres a mocidade. En novembro, un total de 23.239 persoas sumáronse ás listas do paro na nosa cidade, 310 persoas máis que no mes anterior e 1.593 persoas máis que hai un ano. O PP, coas súas políticas de recortes e de asfixia social, está camiño de converter Coruña nunha fábrica de paradas e parados. E é que cada día máis de 10 coruñeses e coruñesas pasan a formar parte das listas de desemprego.
Estes datos demostran que lonxe de trazar unha saída xusta á crise, os recortes do PP están a acrecentar as dificultades para a cidadanía e están a empobrecer a maioría do pobo. Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Sr. Negreira que reaxa e que adopte medidas que freen a destrución de postos de traballo. A solución non pasa por gastar 145.000 en Laponia, a solución pasa por relanzar os nosos sectores estratéxicos: comercio, actividades marítimo-pesqueiras, ría do Burgo, polígonos industriais, hostalaría ou universidade.
O Grupo Municipal do BNG considera que as cifras que vimos de coñecer hoxe presaxian un durísimo inverno con expectativas moi malas no sector turístico, cunha incidencia pésima no pequeno comercio coa suba do IVE e dos efectos da eliminación da paga extra de Nadal das e dos empregados públicos e coa falta de crédito que abocará o peche de pemes instaladas na nosa cidade.
A reforma laboral do PP, unha lacra para a clase traballadora
Os nacionalistas poñen de manifesto as consecuencias nefastas que está a ter a reforma laboral do PP, e a anterior do PSOE, que destrúe postos de traballo a un ritmo frenético. Así o corroboran os últimos datos sobre a regulación de emprego, cifras que constatan que o número de persoas afectadas por ERE duplicouse con respecto ano pasado na provincia da Coruña. Así, mentres o ano pasado, de xaneiro a agosto foran 3.818 as persoas afectadas por expedientes autorizados ou comunicados, de xaneiro a agosto deste ano xa van 6.744.