A XUNTA TÍÑAO QUE TER FEITO HAI XA 3 ANOS, CANDO SE INCOOU O EXPEDIENTE DE DECLARACIÓN COMO BIC
O PP, cómplice da familia Franco ao non obrigala a abrir ao público a Casa Cornide
Así o considera a concelleira e deputada do BNG Mercedes Queixas, quen dirixiu unha pregunta por escrito ao respecto ao Goberno galego. Na súa resposta, evasiva, a Xunta limítase a afirmar que está a velar polo cumprimento da lei.
“Mais iso non é certo. A lei prescribe claramente que desde o momento en que se incoa o réxime de declaración da Casa Cornide como BIC (maio de 2021) actívase de facto o réxime de protección patrimonial sobre o inmóbel”, esclarece Queixas.
Isto significa que desde hai tres anos os descendentes do ditador tiñan a obriga de garantir a apertura ao público do inmóbel usurpado ao pobo coruñés un mínimo de 4 días ao mes durante 4 horas cada unha desas xornadas.
“A familia Franco leva tres anos incumprindo a lei e o PP desde a Xunta leva tres anos sen facer nada ao respecto”, denuncia Queixas.
Por tanto, engade, a Xunta desoe as demandas sociais de apertura do inmóbel ao público -a comezar polas reivindicacións da Comisión de Recuperación da Memoria Histórica-, ao tempo que ignora a as peticións de informes da Valedora do Pobo para o Goberno galego xustificar que é o que impide as visitas á Casa Cornide.
Na resposta á pregunta formulada por Queixas, a Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude afirma que a Xunta “vela, vixía e fomenta o cumprimento íntegro da lexislación vixente en relación coas visitas públicas” á Casa Cornide e que a tal efecto “ten iniciado os trámites para solicitar da propiedade que atenda e cumpra de forma debida coas súas obrigas”.
“A resposta non é en absoluto satisfactoria. Levamos un retraso de tres anos a respecto do que establece a lei. Non se nos di que se vai facer exactamente e o que vemos é que o Goberno galego permite que a Casa Cornide continúe pechada. A quen protexe o PP? Ao patrimonio colectivo ou á familia Franco”, inquire Queixas.
De resto, o Goberno galego elude responder a pregunta directa de se os técnicos da Xunta puideron acceder ao palacete para faceren o inventario dos bens móbeis da propiedade.
“Realizou xa a Xunta o necesario inventario? Vaino facer público? Cando?”, cuestionou Queixas. A Consellaría de Cultura, Lingua e Xuventude deu a calada por resposta.