O PP afórralle cartos a Martinsa Fadesa e fai dous informes externos que pagará a cidadanía
A Coruña, 8 de setembro de 2012.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno local dilapide cartos públicos, sen rubor, só para aforrarlle cartos a Martinsa Fadesa. Refírese o nacionalista aos cartos públicos malgastados polo Goberno do Sr. Negreira en informes externos para avaliar a viabilidade técnica da demolición das obras de rehabilitación do edificio Conde de Fenosa e sobre a imposibilidade de execución da sentenza do TSXG de 20 de decembro de 2001. E isto, malia dispoñer o Concello dunha asesoría xurídica e dunha oficina técnica municipal perfectamente capacitadas para realizaren o informe xurídico.As facturas ás que tivo acceso o BNG demostran que o Goberno do Sr. Negreira gastou 38.829,5 euros, case 6 millóns e medio das antigas pesetas en dous informes externos que poderían ter elaborado os servizos municipais do Concello sen gastos a maiores para a cidadanía.
As facturas demostran que os estudos valen case 6 millóns e medio das antigas pesetas
Segundo os datos aos que tiveron acceso os nacionalistas, o avogado Rafael Gómez-Ferrer Morant emitiu unha factura a 16 de xullo de 2012 en relación ao ditame emitido a requirimento do tenente de alcalde responsábel da Área de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio do Concello da Coruña sobre a imposibilidade de execución da sentenza do TSXG, de 20 de decembro de 2001. Este traballo vale 17.500 euros máis 3.150 euros de IVE (18 por cento), un total de 20.650 euros.
Ademais, o ditame sobre a viabilidade técnica da demolición das obras de rehabilitación realizadas no Conde de Fenosa, factura emitida polo arquitecto Carlos Trabazo Molíns, desde Sanxenxo, a 12 de xuño de 2012, cústalles aos coruñeses e coruñesas 17.650 euros máis 3.177 euros en concepto de IVE (18 por cento) que, xunto coa retención do 15 por cento do IRPF, arroxan un resultado de 18.179,50 euros.
O arquitecto ao que o Goberno local lle encargou un estudo ocupou importantes cargos directivos en Fadesa
Carril cualifica como impresentábel que o Goberno local adxudicara a dedo este último informe a Carlos Trabazo Molins, que desempeñou importantes cargos directivos en Martinsa Madesa. O arquitecto foi xefe de proxectos internos de Fadesa (decembro de 2004 até setembro de 2007) e xerente da oficina técnica de Martinsa-Fadesa (setembro de 2007 até outubro de 2008). Ademais, na actualidade é coadministrador da sociedade Acadar, consultora de proxectos e enxeñería, xunto con Macario Fernández-Alonso Trueba, no seu día presidente da Autoridade Portuaria da Coruña (http://www.boe.es/borme/dias/2012/02/10/pdfs/BORME-A-2012-29-15.pdf).
?Noutras palabras, primeiro, o Goberno do Sr. Negreira non lle esixe a Martinsa-Fadesa que asuma as súas responsabilidades para executar a sentenza, a pesar de terllo tamén demandado o BNG. Segundo, o Goberno do Sr. Negreira, que non debería suplir aquí a Martinsa-Fadesa, evita recorrer aos funcionarios dos servizos técnicos do Concello para elaborar un estudo para actuar en relación coa execución da sentenza do Conde de Fenosa. E terceiro, o Goberno do Sr. Negreira decide pagar por conta da cidadanía a contratación do servizos dun profesional que desempeñou importantes labores de dirección na mesma empresa que executou as obras ilegais do Edificio Conde de Fenosa e que durante catorce años actuou como codemandada neste proceso, advirte Carril.
Agora enténdese perfectamente, apunta o nacionalista, que Martinsa-Fadesa non alegase nada no trámite de audiencia do incidente de execución que resolveu no seu Auto de 24 de maio de 2012 o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. ?Precisamente, un dos obxectos do informe encargado polo Goberno do Sr. Negreira ao arquitecto refírese a acreditar a imposibilidade material de executar a sentenza (isto é, devolver a edificación a seu estado orixinario), tal e como lle reclamara o BNG e ao que accedeu agora o Goberno local, se ben contratando e pagando externamente un informe que tiña que abonar Martinsa-Fadesa.