RUTH VARELA, PRESIDENTA DA DELEGACIÓN CORUÑESA DO COLEXIO DE ARQUITECTOS DE GALIZA
Un porto equipado contra as alteracións climáticas e motor produtivo, argumento da derradeira comparecencia na Comisión da Fachada Marítima
Este venres 12D produciuse a derradeira das comparecencias na Comisión da Fachada Marítima que preside Francisco Jorquera, a da presidenta da delegación coruñesa do Colexio de Arquitectos de Galiza, Ruth Varela, quen estivo acompañada polo secretario desta entidade, Emilio Rodríguez Blanco.
“A verdade é que, como as anteriores, a comparecencia veu enriquecer o traballo desta comisión”, destaca o seu presidente. “As achegas da presidenta e do secretario da delegación coruñesa do Colexio de Arquitectos de Galiza foron de enorme interese”, acrecentou.
Varela, quen compareceu no salón vermello do Pazo de María Pita, puxo o acento en que o deseño da nova fronte marítima debe garantir unha relación “harmónica” entre a cidade e o porto, tendo moi en conta que a dársena debe continuar a ser un elemento tractor da economía “produtiva” da Coruña. “Como defende o BNG, o porto ten que continuar a ser porto, entre outras cousas porque moitas das súas actividades non son trasladábeis a Punta Langosteira”, remarcou Jorquera.
A nova fronte marítima debe inserirse nunha A Coruña futura ambientalmente sustentábel e, por tanto, adaptada ás alteracións climáticos en curso. “Ante a previsíbel suba do nível do mar, o porto ten que actuar como un elemento de contención e de protección da cidade”, salienta o portavoz do BNG no Concello.
Varela e Rodríguez puxeron en destaque que o debuxo dunha nova fachada marítima constitúe unha “oportunidade” para corrixir o deficit de zonas verdes por habitante que padece A Coruña. “Non podemos estar máis de acordo”, anota Jorquera.
Como tamén concorda o BNG con que o futuro porto interior ten que servir tamén para “contribuír a resolver os problemas de mobilidade que temos a escala metropolitana”.
“Propuxeron, e nós partillamos totalmente a proposta, a habilitación dun intercambiador en San Diego que permita o enlace entre si de distintos modos: o necesario ferrocarril de proximidade, o bus metropolitano, o urbano, e o transporte marítimo que cómpre recuperar”, concluíu Jorquera.
Conclúen, pois, a rolda de comparecencias de persoas expertas nunha Comisión da Fachada Marítima que, por orde cronolóxica, contou coas seguintes voces: o presidente da Autoridade Portuaria, Martín Fernández Prado; o autor do informe da UDC sobre a transformación do porto interior, Carlos Nárdiz; o presidente do Colexio de Enxeñeiros, Camiños, Canles e Portos de Galiza, Enrique Urcola; o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Saez; o director da Escola Galega da Paisaxe, Pedro Calaza; os presidentes da Comisión Aberta en Defensa do Común da Coruña e da Asociación Veciñal Oza-Gaiteira-Os Castros, Manuel Monge e Paulo Sexto; o patrón maior da Confraría de Pescadores da Coruña, Javier Mariñas; o secretario da Asociación de Armadores do Cerco de Galicia, Alberto Castro; os presidentes da Lonxa da Coruña, Juan Carlos Corrás, e da Asociación de Armadores de Buques Pesqueiros de Galicia, Severino Ares; o director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, Miguel Alberto Abelleira Doldán; e a presidenta da Delegación coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galiza, Ruth Varela.