DENTRO DA CAMPAÑA "VIVIR NA CORUÑA...É IMPOSÍBEL"
Un Fío Directo moi participativo, con propostas para lidar co problema da vivenda na cidade
O Fío Directo co BNG é un encontro organizado polo Bloque con representantes do tecido cívico da Coruña e é tamén un acto público aberto á participación de todas as coruñesas e coruñeses, un foro para a troca de impresións sobre os asuntos que nos atinxen como comunidade.
“Estamos aquí para escoitar, mais tamén para facer propostas”, dixo a concelleira Avia Veira, quen estivo acompañada polo resto do grupo municipal e por Alexandra Fernández, deputada responsábel de Vivenda do BNG no Parlamento galego.
Na súa intervención, Veira fixo unha descrición dos aspectos básicos do problema da vivenda na nosa cidade e enumerou catro elementos principais: o alto número de casas baleiras (por volta de 20 mil), a proliferación -sen regulación de ningún tipo- das vivendas de uso turístico, a non declaración da Coruña como mercado tensionado e a ausencia de políticas de protección de persoas alugadas ou de persoas que aspiran a seren inquilinas.
“Hoxe unha persoa que é unha traballadora autónoma -xa non digamos unha perceptora da RISGA- ou unha persoa cun salario medio ten enormes problemas á hora de acceder a unha vivenda en boas condicións a prezos razoábeis”, argumentou Veira, quen non dubidou en cualificar o da vivenda como “o principal problema social que temos na Coruña”.
Centrou basicamente a análise na evolución dos prezos dos alugueres na cidade. Os datos son elocuentes. Desde 2019, aumentaron o 31%, un incremento maior que os rexistrados en Madrid e Barcelona. E hai barrios -Os Castros, O Castrillón, Eirís, Os Mallos- en que escalaron até 50%. “É unha situación insoportábel”, remarcou.
A concelleira nacionalista púxolle deberes ao Goberno local, porén, sendo consciente de as principais competencias na materia estaren en mans da Xunta (e niso puxo o foco, na súa intervención, Alexandra Fernández, moi crítica co baixo nível de execución das de por si exiguas partidas orzamentarias en materia de vivenda pública).
E é que o Concello si ten capacidade para adoptar medidas positivas. “O primeiro é que realmente se tome en serio a esixencia á Xunta da declaración da Coruña como zona tensionada. O segundo é facer de EMVSA unha empresa que realmente teña a promoción da vivenda pública como norte. Logo é imprescindíbel regular de vez as vivendas de uso turístico a través dunha ordenanza e dar impulso ao servizo de asesoramento das persoas inquillinas”, enumerou.
Canto á presión política sobre a Xunta, Veira dixo: “A alcaldesa ten dito nalgunha entrevista que Rueda como presidente da Xunta ten visións interesantes sobre A Coruña. Pois ben, que a alcaldesa pete na porta da Xunta até conseguir a declaración da cidade como zona tensionada, unha figura que nos permitiría regular os prezos dos alugueres e impedir que continúen escalando. A ver se esas visións interesantes de Rueda inclúen a vivenda”, concluíu en ton irónico.