RESPOSTAS DO EXECUTIVO CORUÑÉS Á PERGUNTAS FORMULADAS POR AVIA VEIRA
A mobilidade tal e como a entende o Goberno Local: nin carril bus en Juan Flórez nin VAO na Pasaxe e na Vedra
Así o considera a concelleira do BNG Avia Veira ao avaliar as respostas do Goberno Local a senllas preguntas por escrito formuladas por ela mesma.
“A xulgar polas respostas, é evidente que ao Goberno Local lle importa moi pouco o transporte público e que non está nada interesado en apostar na mobilidade sustentábel. É por iso que deixaron caducar a concesión dos buses sen licitar aínda o novo contrato, é por iso que non actúan ante o estado en que se atopa a frota, con vehículos moi desgastados e pendentes de renovación, sen suficientes frecuencias e con xente agardando nas paradas sen poder subir a buses totalmente ateigados”, remarca.
Veira critica tamén o “mal uso dos recursos públicos” por parte do Goberno Local.
Refírese en concreto a que o Concello consignou nos orzamentos 540.353 euros, procedentes de fondos Next Generation, para financiar a implantación do carril bus en Juan Flórez.
Esa implantación adíase agora e condiciónase ao novo contrato do transporte público urbano. Pero a concesión foi obxecto dunha prórroga por dous anos, 2025 e 2026, sen que se fixase ningún prazo para unha nova licitación.
“O que nos tememos é que ese diñeiro, ese medio millón de euros, se vaia perder. E desde logo as coruñesas e os coruñeses non nos podemos permitir o luxo de perder ese diñeiro”, alega.
O Goberno Local afirma que o medio millón de euros se destinará “a outros proxectos”, mais non os especifica, razón que leva o BNG a temer pola súa perda. “É moi difícil de xustificar que non se executase esa actuación, que estaba nos orzamentos”, recalca.
Mal uso de fondos públicos porque a alusión que fai o Goberno Local a eventuais novas análises das necesidades do transporte colectivo na Coruña non ten sentido “porque esas necesidades xa foron estudadas, xa se pagaron informes con diñeiro público. Non necesitamos agardar por novos estudos”.
Canto aos carrís VAO, o Goberno Local remítese tamén á licitación do novo contrato do transporte urbano. Mais aquí trátase de proxectos da Administración do Estado -as reformas da Pasaxe e da Vedra- e fica claro que o Executivo liderado por Inés Rey non está a facer nada politicamente para lograr o establecemento nesas vías de carrís destinados ao transporte público. “Continúa a pensarse exclusivamente en termos dunha mobilidade antiga, en termos do vehículo particular, nas antípodas do que se precisa para facer fronte ás alteracións climáticas”, xulga.