OFIMÁTICO

Por que seguen sen desafectar as vivendas de Elviña afectadas polo Parque Ofimático?

A veciñanza de Elviña colocando pancartas na pasarela peonil nunha das concentracións que realizan todos os venres
A veciñanza de Elviña colocando pancartas na pasarela peonil de Alfonso Molina nunha das concentracións que realizan todos os venres

Demandamos a mesma rapidez e axilidade ao Executivo local que a amosada hoxe na Xunta de Goberno para desafectar as vivendas afectadas de Elviña polo Parque Ofimático e que modifique de vez o planeamento para excluílas

Do mesmo xeito que hoxe se aproba en Xunta de Goberno a primeira fase das obras, o Goberno municipal pode ser igual de áxil e decidir o máis axiña posíbel  tomar medidas efectivas para cumprir co compromiso de desafectar as vivendas afectadas polo Parque Ofimático. Mentres non se faga seguirase a prolongar a situación de desamparo da veciñanza, que lembramos, cada venres, segue a se manifestar na pasarela peonil de Elviña esixindo unha solución á súa problemática

Por que seguen sen desafectar as vivendas de Elviña afectadas polo Parque Ofimático?

Entendemos que a mesma axilidade e rapidez coa que se vai a proceder para a execución da primeira fase das obras no parque Ofimático se debería proceder para dasafectar as vivendas de Elviña que hoxe en día seguen afectadas pola construción desta obra.

E é que despois de se aprobar hoxe en Xunta de Goberno a adxudicación da primeira fase das obras de urbanización do parque, e que dará lugar á posibilidade de conceder as licenzas de primeira ocupación e que antes de fin de ano xa haxa acceso ao polígono, lembramos que o verdadeiro problema que existe a respecto desta obra é a xerada para coa veciñanza e as familias que foron expropiadas, perdendo a súas casas e terreos, nalgún caso chegándose incluso ao despexo e desaloxo das súas propiedades, e que foron convertidas en promotores, polo que, seguen obrigadas a facer o pago das cotas de urbanización, e, por tanto, a prolongar a situación de desamparo, xa que logo non se está a tomar ningunha medida efectiva para desafectar ás persoas e vivendas obxecto da actuación.

Deste xeito, de novo instamos o Executivo local á modificación do planeamento para e excluír do sector as casas e terreos afectados, cuestión que levamos demandando desde o principio do mandato e mesmo foi unha das actuacións acordadas nas conversas que se mantiveron coa Marea Atlántica e que vincularon o apoio do Bloque na investidura ao alcalde.

Hai máis dun ano que xa preguntamos polas actuacións concretas que a Concellaría de Rexeneración Urbana ía realizar para resolver a situación das veciñas e dos veciños de Elviña. Explicóusenos en Pleno que o Executivo local estaba traballando na modificación do plan parcial e que se estaban estudando distintas alternativas para a zona afectada do núcleo de Elviña. Disto xa vai máis dun ano, aínda non hai unha proposta enriba da mesa e a situación para esas persoas segue sendo a mesma. Do mesmo xeito que hoxe se aproba en Xunta de Goberno a primeira fase das obras, o Goberno municipal pode ser igual de áxil e decidir o máis axiña posíbel tomar medidas efectivas para cumprir co compromiso de desafectar as vivendas afectadas polo Parque Ofimático. Mentres non se faga seguirase a prolongar a situación de desamparo da veciñanza, que lembramos, cada venres, segue a se manifestar na pasarela peonil de Elviña esixindo unha solución á súa problemática.

A Coruña, 24 de maio de 2017

 

Artigos relacionados:

 

Por que seguen sen desafectar as vivendas de Elviña afectadas polo Parque Ofimático?