EXTEL
O telemarketing segue a ser obxecto de explotación, emprego precario e vulneración de dereitos
Participamos da mobilización convocada polo cadro de persoal de Extel
Débese impedir a modificación substancial colectiva das condicións laborais que pretende realizar a empresa e que, de efectivizarse, afectará a 334 traballadoras e traballadores na Coruña, dun total de 857 persoas afectadas no Estado
A concentración volveu poñer de releve a situación do sector, obxecto de explotación laboral, emprego en precario e vulneracións constantes dos dereitos fundamentais e que emprega a case 3.000 persoas na nosa cidade
Participamos na concentración do cadro de traballadoras e traballadores da empresa Extel, convocada en rexeitamento a modificación substancial colectiva das condicións laborais que pretende realizar a empresa e que, de efectivizarse, afectará a 334 traballadoras e traballadores na Coruña, dun total de 857 persoas afectadas no Estado.
Deste xeito, amosamos o noso rexeitamento a esta medida que non vén sendo mais que realizar unha redución do cadro de persoal a prezo de saldo, pola porta de atrás, co obxecto de completar os recortes comezados coo ERE fraudulento que a empresa aplicou a finais do pasado ano.
Esta concentración, celebrada diante do edificio Proa, onde están as dependencias da empresa, tivo a súa continuidade coa xornada de paro durante toda a xornada laboral, e non pretendeu máis que dar resposta ás pretensións da empresa, que se escusa no cambio de horario comercial do servizo 1004 de Movistar, que recortara as horas de atención telefónica, e que carece de fundamento.
Así, xa anunciamos que apoiaremos todas as mobilizacións que se convoquen desde a representación das traballadoras e dos traballadores, e entendemos que se debe impedir esta modificación substancial.
Entre outras medidas Extel ten intención de estender a xornada do persoal a tempo parcial para meterlle o máximo número de fins de semana posíbeis, pero reducíndolle as horas de traballo (co conseguinte recorte dos salarios), facerlles adaptar a súa xornada ao novo horario comercial de Movistar ao persoal con garda legal ou de colectivos protexidos ou implantar o horario partido a persoal a tempo completo: en definitiva, un ataque salvaxe ás condicións de traballo. A concentración volveu poñer de releve a situación do sector, obxecto de explotación laboral, emprego en precario e vulneracións constantes dos dereitos fundamentais e que emprega a case 3.000 persoas na nosa cidade.
A Coruña, 18 de maio de 2017
Noticias relacionadas.