BARRIOS
Poñemos en dúbida a idoneidade da reforma dos locais municipais de Novo Mesoiro
Solicitamos ao Goberno municipal que cambie o proxecto de reforma dos locais municipais de Novo Mesoiro
O proxecto da reforma, que ascende a máis de 241.000 euros, non é integral, realizándose en dous dos tres locais, ademais de incumprir a normativa de accesibilidade
Despois de acceder ao proxecto e de contrastalo, observamos a incongruencia de que a obra propón a reforma de dous locais, que ademais non están situados de xeito contiguo e que, sendo isto máis grave, non se axusta nin ao Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro polo que se aproba o Texto Refundido Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social e á lei 10/2014, do 3 de decembro, da accesibilidade. O Executivo está a tempo de mudar o proxecto xa que non se iniciou ningunha obra polo que levaremos a Pleno a iniciativa para anticipar e corrixir os graves erros que contén
Vimos de presentar unha iniciativa (podes descargala premendo aquí) para que a área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda corrixa a proposta de proxecto de reforma dos locais municipais da rúa Ribeira Sacra 15-17-19, no barrio de Novo Mesoiro.
E é que despois de acceder ao proxecto de reforma, tras solicitar unha copia do mesmo, cuestionamos a idoneidade da proposta ao detectar unha actuación, que nin é integral, nin se adapta ás normativas de accesibilidade que existen tanto a nivel estatal como autonómico.
Esta obra é unha demanda histórica da asociación veciñal e desde o BNG levabámola reclamando desde o mandato do Partido Popular. Cando tivemos coñecemento da resolución da Área de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda na que se aprobaba o proxecto básico e de execución das obras de reforma de dous locais municipais en Novo Mesoiro, e por valor de 241.610,43 euros, sorprendeunos que só se mencionaran dous locais, e non o conxunto de espazos desta propiedade municipal, polo que pedimos acceso ao seu proxecto.
Toda vez que analizamos o proxecto, descubrimos que só dúas dependencias serán as reformadas, que ademais esas dependencias non son contiguas e o proxecto ten eivas graves en materia de accesibilidade, polo que instamos ao Executivo local a realizar as modificacións oportunas antes de que se inicien as obras, sobre todo tendo en conta que o investimento ascende a case un cuarto de millón de euros, polo que demandamos unha reforma integral e que conte co visto e prace do Grupo Accesibilidade Coruña.
Despois de ver o proxecto e de contrastalo, observamos a incongruencia de que a obra propón a reforma de dous locais, que ademais non están situados de xeito contiguo e que, sendo isto máis grave, non se axusta nin ao Real Decreto Lexislativo 1/2013, de 29 de novembro polo que se aproba o Texto Refundido Xeral de dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social e á lei 10/2014, do 3 de decembro, da accesibilidade. O Executivo está a tempo de mudar o proxecto xa que non se iniciou ningunha obra polo que levaremos a Pleno a iniciativa para anticipar e corrixir os graves erros que contén.
A Coruña, 24 de marzo de 2018.