As políticas neoliberais do PP provocan que a cidade teña 1.575 persoas máis no paro que hai un ano

As políticas neoliberais do PP provocan que a cidade teña 1.575 persoas máis no paro que hai un ano

A Coruña, 4 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que as políticas neoliberais e contra a maioría do pobo que practica o Partido Popular desde as distintas institucións provocan que só na cidade da Coruña haxa 1.575 persoas máis en situación de desemprego que hai un ano. E é que mentres en febreiro de 2013, un total de 24.474 persoas se atopaban no paro, en febreiro de 2012 a cifra reducíase ás 22.899 persoas.

O Grupo Municipal do BNG sinala que nin a reforma laboral tan aplaudida polo PP, nin a baixada de salarios, nin a eliminación das pagas extras, entre outros moitos recortes, están a surtir un efecto positivo para crear emprego. E é que as políticas do Partido Popular, que prioriza os bancos por riba das persoas, están feitas contra os traballadores e traballadoras e non para crear emprego nin para incentivar a economía.

Para as nacionalistas, os recortes do PP no Estado, na Xunta e no Concello están a ter uns custes altísimos. E malia esta situación calamitosa, a concelleira de Emprego aínda presumiu na sesión plenaria desta mañá dos datos de desemprego, gabándose de que A Coruña presente un mellor comportamento este mes que outras cidades. As nacionalistas consideran que no grave contexto que está a sufrir a inmensa maioría do pobo non caben lecturas positivas sobre o desemprego.

 

As políticas neoliberais do PP provocan que a cidade teña 1.575 persoas máis no paro que hai un ano