QUEIXAS INSTA REY A QUE CONVOQUE DE VEZ OS ÓRGANOS CULTURAIS QUE DEPENDEN DO CONCELLO

Política cultural no Concello no principio do mandato: inacción, máis do mesmo

Conferencia de prensa de Mercedes Queixas sobre a política cultural no principio de mandato. 20 de setembro de 2023.
Un momento da conferencia de prensa
A política cultural do Executivo coruñés neste principio de mandato 2023-2027 defínese polo mesmo trazo que a caracterizou nos catro anos anteriores, a inacción, a falta de impulso, a incapacidade para estar á altura da potencia que ten A Coruña nesta materia.
Política cultural no Concello no principio do mandato: inacción, máis do mesmo

Así o denunciou esta mañá, en conferencia de prensa, a responsábel de Cultura do grupo municipal do BNG, Mercedes Queixas. “Demandámoslle ao Goberno en minoría de Inés Rey que lle abra as portas á cultura na cidade. A Coruña como cidade creativa precisa dun impulso en política cultural que non existiu no mandato anterior e que, a xulgar polos primeiros compases deste, tampouco dá a sensación de que vaia existir durante os próximos catro anos”, argüíu.

A crítica de Queixas concrétase nun feito obxectivábel: decorridos xa 95 días deste mandato, a alcaldesa ten sido incapaz de convocar “aqueles organismos culturais estruturais da Coruña”, órganos dependentes do Concello.

Esta circunstancia levou a concelleira a rexistrar este mércores un rogo oral dirixido ao Executivo coruñés co propósito de que “a alcaldesa, ou persoa en que teña delegadas as atribucións, convoque no prazo máximo dun mes os seguintes organismos: 1. A Comisión Especial de Bibliotecas. 2. O Consello Municipal da Cultura. 3. O Padroado da Fundación Luís Seoane. 4. A Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música”.

Cómpre de vez, remarcou Queixas, que o Executivo presidido por Inés Rey faga visíbel “un proxecto cultural ambicioso, enraizado na cidade, dinámico e cunha axenda 365, isto é, que cubra todos os días do ano”. Un proxecto cultural que necesariamente ten de contar “de forma participativa” coa rede de base que existe na Coruña: autoras, creadoras, mediadores, dinamizadoras, espazos de exhibición...

imprensa
Queixas, a se referir á inacción do Goberno Local en materia de cultura

“Instamos o Goberno Local a que supere a parálise actual, unha vez rematado o tempo dos espectáculos das festas de María Pita”, engadiu.

Queixas pormenorizou a situación na que se achan os distintos órganos non convocados até o momento pola alcaldesa.

Canto ao Consorcio para a Promoción da Música, alegou que precisa mudanzas visando articular “un proxecto cultural propio que lle tire o máximo rendemento á Orquestra Sinfónica de Galiza e que faga da Escola Municipal de Música un referente na formación musical.  “Comezou a temporada de concertos e o curso escolar e non se convocou a Xunta de Goberno do Consorcio. Hai proxecto? Non, agás continuar con máis do mesmo”, denunciou.

A respecto do Padroado da Fundación Luís Seoane, presidido pola propia alcaldesa, o certo é que a súa non convocatoria constitúe “todo un síntoma da ausencia absoluta de política cultural digna de tal nome”. “Falamos dun centro de divulgación e conservación da obra de Luís Seoane que pasa desapercibido como tal na cidade, a ollos da veciñanza e visitantes, cando debería ser unha das nosas pezas angulares”, acrecentou.

Tampouco foron convocados nin o Padroado do Instituto de Estudos Coruñeses José Cornide nin a Comisión Especial de Bibliotecas -onde se debería analizar o proceso de internalización visando constituír unha rede pública única, tal e como se conveu co PSOE no Acordo de Investidura- nin o Consello Municipal de Cultura, cuxa creación foi aprobada en xullo de 2022 e que aínda non se constituíu, criticou.

Canto ao IMCE, cuestión pola que Queixas foi interpelada por unha xornalista, a concelleira reclamou como primeiro paso a convocatoria do seu Consello Reitor.

“No que levamos de mandato”, relatou, “apenas se convocou unha vez, o 31 de xullo, para aprobar o contrato da actuación do artista Mika, que se iría realizar o 1 de agosto”.

É precisa “unha outra forma de actuación” do IMCE “que acabe coa improvisación actual, coa falta de planificación, coa non regulación de contratos que resultan en sobrecustos para as coruñesas e coruñeses”. “Comprométense espectáculos sen ter aprobado o seu orzamento. A propia Intervención ten feito reparos a ese respecto”, denunciou. “Hai que acabar con esas malas prácticas. Fai falta unha nova folla de rota para o IMCE”, concluíu.

 

 

 

Política cultural no Concello no principio do mandato: inacción, máis do mesmo