MENTRES NON CONCLUÍR A PLENA RECUPERACIÓN DA SÚA CAPACIDADE PRODUTIVA

Iniciativas no Concello, no Parlamento e no Congreso para as mariscadoras da Ría do Burgo continuar a recibir axudas

Reunión Jorquera, Queixas, Néstor Rego coa confraría de pescadores da Coruña. Setembro de 2023. Tema: axudas ás mariscadoras da Ría do Burgo.
Imaxe da recente reunión na Confraría
As e os mariscadores reciben axudas -após se mobilizaren e após o BNG ter impulsado múltiples iniciativas- ao non poderen desenvolver a súa actividade profesional mentres se realizan os labores de dragaxe na Ría do Burgo.
Iniciativas no Concello, no Parlamento e no Congreso para as mariscadoras da Ría do Burgo continuar a recibir axudas

O problema é que non está previsto que estas axudas se estendan durante o tempo en que, unha vez concluída a dragaxe, se proceda aos labores de rexeneración produtiva e de sementeira de marisco.

As e os mariscadores deixarán de percibir axudas en xaneiro ou febreiro de 2024. Mais a partir de aí, os traballos dirixidos a lograr a plena recuperación da capacidade produtiva poderían prolongarse entre 18 e 24 meses.

“Á vista deste dato parece incuestionábel a necesidade de manter as axudas até que se recupere integramente a capacidade produtiva da Ría”, considera o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, quen con tal motivo vén de asinar un rogo oral, para a súa lectura no vindeiro Pleno ordinario do Concello, a se realizar en outubro, e por medio do cal insta o Executivo coruñés a que “realice xestións ante a Xunta de Galiza e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, demandando de ambas administracións que se prolonguen as axudas ao sector marisqueiro da Ría do Burgo até que se recupere integramente a capacidade produtiva da Ría”.

Esta iniciativa rexístraa Jorquera após ter tido o BNG -unha delegación formada por Néstor Rego, Mercedes Queixas e o propio portavoz nacionalista no Concello- unha reunión cunha representación de mariscadoras na Confraría coruñesa.

De feito, a tamén concelleira Mercedes Queixas, na súa calidade tamén de deputada no Parlamento galego, rexistrou igualmente iniciativas -unha pregunta por escrito e outras dúas orais- dirixidas ao Goberno galego para lograr o seu apoio ás xustas demandas das mariscadoras.

Queixas inquire o Goberno galego se está a manter a Xunta interlocución co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico “para prever a necesidade de atender compromisos económicos cos mariscadores da Ría do Burgo con posterioridade á fin das obras mentres a ría non volte ser integramente produtiva”.

O asunto chegará tamén ao Congreso da man de Néstor Rego, quen rexistrou unha pregunta por escrito ao Goberno central. "Vai o Ministerio manter as axudas ao sector marisqueiro da Ria do Burgo até a recuperación íntegra da capacidade produtiva, unha vez que o sector leve a cabo a sementeira do marisco nos bancos cando rematen as obras de rexeneración?", inquire.

 

 

Iniciativas no Concello, no Parlamento e no Congreso para as mariscadoras da Ría do Burgo continuar a recibir axudas