FRANCISCO JORQUERA, NA COMISIÓN DE DEPORTES
"Pola súa forte raigame social, o Clube do Mar de San Amaro non pode ser tratado como unha concesionaria máis"
Jorquera xulga como crucial “reequilibrar economicamente a concesión”, sendo que é “obxectivo” o incremento de custos derivado “da suba dos prezos da enerxía e o descenso no número de socias e socios”.
“Aínda que o reequilibrio financeiro é unha decisión que non compete á Concellaría de Deportes, o Goberno Local é un órgano colexiado e a Concellaría ten que se implicar en acadar unha soluciónn”, arguíu Jorquera.
Puxo tamén o acento na “necesidade de atender tamén outras demandas, entre elas a reparación da pista polideportiva (polas filtracións de auga do paseo marítimo) e a cancelación da débeda que o Concello considera prescrita”.
A concelleira de Deportes, Mónica Martínez, expresou o compromiso do Goberno Local de facer todo o posíbel para, dentro da legalidade, asegurar a viabilidade da piscina. Tamén avanzou que, na eventualidade de o Clube do Mar renunciar á concesión, o Concello tomaría as medidas precisas para que se continuase a prestar o servizo nas debidas condicións.
A unha pregunta de Jorquera, Mónica Martínez indicou que aínda non lle foron reintegrados á Concellaría de Deportes os 400 mil euros destinados ao partido da selección española con Islandia
Canto á situación dos complexos deportivos de San Diego e Castrillón, o voceiro nacionalista inquiriu a concelleira de Deportes se o Goberno Local teima en optar pola xestión indirecta e compartida destas instalacións.
A xuízo de Jorquera, existen incertezas sobre a nova concesión de San Diego, o que se converte nunha “razón de máis” para “reconsiderar a aposta polo modelo de xestión indirecta no novo contrato”.
En tanto non se resolver a cuestión da nova concesión, o Concello ten que termar de que o servizo se preste correctamente e de garantir o bon mantemento das instalacións. “Que vai facer, entre tanto, para asegurar que se cumpran as condicións establecidas no contrato?”, cuestionou Jorquera.
No que ten a ver co complexo deportivo do Castrillón, continúa sen se esclarecer como se vai facer a transición da fase inicial de xestión a cargo de EMVSA ao modelo concesional (un contrato compartido con San Diego).
A concelleira estableceu o último trimestre deste ano como horizonte temporal para a apertura do complexo, coa idea de xa en setembro próximo abrir o prazo de inscrición para persoas abonadas.
“Desexamos que se cumpra o prazo despois de reiterados incumprimentos”, dixo Jorquera, para quen as dúbidas que coloca o modelo concesional –por exemplo no que ten a ver coa subrogación do cadro de persoal- debería convidar o Goberno Local a reconsiderar a súa opción pola xestión indirecta. Para o BNG, EMVSA debería asumir de xeito definitivo a xestión dos dous complexos.
A Comisión debruzouse tamén sobre a situación do campo de fútbol de Eirís e a ese respecto Jorquera lamentou “os retrasos acumulados” na súa construción e que cumpra agardar pola aprobación dun modificativo. “Non haberá campo de Eirís neste mandato”, estima o voceiro do BNG.
A concelleira de Deportes tamén informou a respecto do conflito formulado ante o Xulgado do Social polo cadro de persoal do servizo de Conserxaría e Limpeza das instalacións deportivas municipais. Dixo que se están a negociar os pregos do novo contrato co comité de empresa, circunstancia da que se congratulou Jorquera.
Por último, o portavoz do BNG, xa en rogos e preguntas, interesouse por saber se lle foran reintegrados á Concellaría de Deportes os 400 mil euros do custo do partido da selección española ante Islandia en Riazor. Ese reintegro foi un compromiso da alcaldesa coa concelleira de Deportes. Mónica Martínez dixo que aínda non se produciu nin deu anticipado cando tería lugar.