CONSEGUIMOS AUMENTOS NA DOTACIÓN DAS BOLSAS COMEDOR E BONO TAXI

O #PlenoSetembro aproba unha moción do BNG para suspender o convenio co Gingko

Grupo municipal BNG Pleno Setembro
Grupo municipal do BNG
O Pleno de setembro instou o Goberno Local a que suspenda o convenio asinado co fondo de investimento suízo Gingko para a transformación urbanística das Xubias de Arriba e as Xubias de Abaixo. Fíxoo ao aprobar unha moción do BNG defendida pola nosa concelleira Avia Veira. O PSOE votou en contra, mentres que o PP o fixo a favor.
O #PlenoSetembro aproba unha moción do BNG para suspender o convenio co Gingko

A iniciativa pretende non só a suspensión do convenio –“que só persegue beneficiar os intereses privados”-, senón tamén que se complete a tramitación da modificación puntual do PXOM que afecta todo o bordo litoral entre a praia de Oza e a Ponte Pasaxe, ámbito que inclúe os polígonos RB1, RB2 e RB3, que son os incluídos no convenio negociado polo Executivo coruñés con Gingko.

O problema do convenio é que explicitamente deixa fóra os terreos mercados por Gingko da modificación puntual do PXOM -que rebaixa de forma moi substancial a edificabilidade prevista no planeamento actual, en vigor desde 2013.

Ao texto do BNGm o PSOE formulou unha emenda, que non foi aceptada polo grupo nacionalista porque “o convenio di o que di sobre a exclusión dos polígonos RB1, RB2 e RB3” e porque a apelación que agora se fai ao diálogo contrasta co feito de o Goberno Local ter negociado o convenio sen contar para nada co Bloque, cando os nosos votos son necesarios para o aprobar no Pleno. “O movemento demóstrase andando”, afeou Veira a actitude do grupo socialista.

O PXOM de 2013 contempla a construción de 633 vivendas, mentres que a modificación puntual rebaixa a edificabilidade até as 241 para garantir unha mellor protección deste treito da fachada marítima da cidade, de aí a importancia de que os terreos mercados por Gingko non se vexan segregados desa mudanza. Ese sería o punto clave do convenio.

O problema do convenio é que explicitamente deixa fóra da modificación puntual do PXOM -que rebaixa de forma moi substancial a edificabilidade prevista no planeamento actual, en vigor desde 2013- os terreos mercados por Gingko

Tal e como están nestes momentos as cousas, Gingko só se tería que ater ao PXOM e non á modificación puntual, sendo que esta -a pesar que si foi aprobada en marzo de 2022 pola Xunta de Goberno Local e xa foi sometida á avaliación ambiental estratéxica por parte da Xunta de Galiza- aínda non foi levada a Pleno para a súa aprobación inicial.

A moción do BNG -que inclúe unha emendado PP- pretende tamén que se garanta a continuidade dos camiños de ferro que percorren este ámbito -ameazados polo convenio- e que son necesarios para dotar a cidade de servizos ferroviarios de proximidade, cuxa creación foi comprometida polo PSOE cando negociou coa formación nacionalista o Acordo de Investidura de Pedro Sánchez.

Modificativo de crédito M4: os logros do BNG

O Pleno aprobou tamén un modificativo de crédito, o M4, para, entre outras cousas, pór ao día a bonificación dos abonos da Compañía de Tranvías e para dotar os convenios co Básquet Coruña (para acondicionar o Coliseo á súa estrea na ACB), coa Liga de Traiñeiras e coa Asociación Pro Enfermos Mentales de A Coruña (APEM).

O BNG votou a favor deste modificativo sen por iso deixar de formular críticas á mala praxe orzamentaria do Goberno Local -é unha práctica sistemática o recurso a suplementacións de crédito e ao pagamento de facturas de exercicios anteriores.

Pero é que ademais, explicouno o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, o BNG negociou melloras do modificativo, o que o levou finalmente a inclinarse polo voto afirmativo.

En concreto, o BNG conseguiu que se visen aumentadas as partidas para as bolsas comedor -por valor de 120 mil euros, 36 mil xa aplicábeis neste exercicio- e para unha nova convocatoria do bono taxi por importe de 40 mil euros.

De igual xeito, grazas ao BNG vanse manter no orzamento (inicialmente íanse dar de baixa) as partidas destinadas ao Castelo de San Antón, ao Castro de Elviña, ao polideportivo da Sagrada Familia e a investimentos e gastos de mantemento en instalacións deportivas.

O BNG vota a favor do modificativo de crédito M4 após conseguir incrementar a dotación para as bolsas comedor e o bono taxi e manter as partidas orzamentarias para o Castelo de San Antón e o Castro de Elviña

“Froito desta emenda, o BNG votou a favor. Agora o que toca é que o acordado se cumpra”, remarcou Jorquera.

E cumprir o xa asinado é básico se se queren tamén alcanzar acordos futuros: eis a negociación do orzamento do Concello para 2025, alertou.

Por unanimidade

O Pleno aprobou por unanimidade as outras dúas mocións do BNG: a que, defendida por Mercedes Queixas, instaba o Executivo local a imprimir un cambio de rumbo á política cultural do Concello -para non descargar nas e nos creadores locais a parte do león da rebaixa do orzamento do IMCE- e a que, exposta por Jorquera, demanda que se reforcen as dúas seccións do arquivo municipal, o administrativo e o histórico, colapsados -sobre todo o primeiro após o fechamento da nave da Agrela por unha inspección de Traballo- e carentes do suficiente persoal técnico.

Canto ás preguntas orais, como de costume o Executivo coruñés limitouse a contestar con lugares comúns as cuestións formuladas por David Soto -sobre as festas dos barrios, unha, e a inacción da Concellaría de Emprego, a outra- e Francisco Jorquera -sobre a praia canina de Bens.

A respecto desta última cuestión, a concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, negou que a praia canina de Bens estea sucia ou careza dos servizos básicos (duchas, fontes para os animais beberen, zonas de lecer para os cans, aparcadoiro en condicións...). Boa proba de que non acostuma visitala.

 

O #PlenoSetembro aproba unha moción do BNG para suspender o convenio co Gingko