SESIÓN DE CONTROL AO EXECUTIVO CORUÑÉS
Evasivas respostas do Goberno Local sobre o caso STL e as vivendas de uso turístico
En efecto, no Acordo de Investidura o PSOE comprometeuse co BNG a abrir un proceso interno no Concello para esclarecer se, como todo apunta, as concesionarias dos servizos de limpeza viaria e recollida de lixo teñen delegadas as competencias sobre a contratación e a promoción do persoal no STL, un grupo obxecto de investigación xudicial por delitos tan graves como estafa, branqueamento de capitais e fraude.
Noemí Díaz dixo que hai “accións xudiciais en curso” e que o Goberno Local “actuará con contundencia”, mais en ningún momento puxo prazos á posta en marcha desa investigación interna, unha resposta que o BNG considera “evasiva”.
A concelleira de Medio Ambiente felicitouse de que o Nadal puidese transcorrer “sen incidencias”, após terse desconvocada a folga no servizo de recollida de lixo. Mais non fixo ningunha alusión a que supostamente a desconvocatoria tivese a ver coa recuperación por parte do STL do seu poder dentro da concesionaria.
Na súa intervención, Jorquera manifestou a preocupación que produciu no BNG a lectura este Nadal de noticias con titulares deste teor: “El líder del STL gana el pulso y recupera el poder a cambio de una Navidad sin basura” e “Los comités de empresa recuperan el mando de la selección del personal”. Mesmo tería transcendido, remarcou, “que o líder do STL, após o acordo con Prezero [concesionaria do servizo de recollida de lixo] que puxo fin á anunciada folga, dixo textualmente: ‘ahora vamos a por FCC [concesionaria do servizo de limpeza viaria] porque si aquí nos salió bien, en la UTE de limpieza va a ser mejor”.
Na súa intervención, Jorquera manifestou a preocupación que produciu no BNG a lectura este Nadal de noticias con titulares deste teor: “El líder del STL gana el pulso y recupera el poder a cambio de una Navidad sin basura” e “Los comités de empresa recuperan el mando de la selección del personal”.
“Señora concelleira”, interpelou Jorquera a Díaz, “unha cousa son demandas sindicais xustas e lexítimas e outra, prácticas chantaxistas de grupos con comportamentos mafiosos. Grupos que ditan as políticas de persoal e practican a represión sindical cos traballadores que non se someten á súa rede clientelar”.
Jorquera denunciou tamén os “sistemáticos incumprimentos” dos pregos dos contratos por parte das concesionarias -negados por Díaz, quen dixo que non se podía pintar un retrato “calamitoso” dos servizos de limpeza e recollida de lixo.
“Señora concelleira”, interpelou Jorquera a Díaz, “unha cousa son demandas sindicais xustas e lexítimas e outra, prácticas chantaxistas de grupos con comportamentos mafiosos. Grupos que ditan as políticas de persoal e practican a represión sindical cos traballadores que non se someten á súa rede clientelar”.
Para o portavoz do BNG, o problema radica en que non se está a supervisar o cumprimento das condicións establecidas nos pregos e, por tanto, non se está a avaliar a imposición das penalidades pertinentes perante os incumprimentos.
“O Goberno Local carece dunha estratexia -o que revela falta de vontade real- á hora de facer fronte aos problemas dos servizos de limpeza e recollida do lixo”, avalía Jorquera.
Evasiva resposta sobre as vivendas de uso turístico
Abonda con tres datos para ilustrar o fenómeno do desmesurado aumento do número de vivendas de uso turístico na nosa cidade. En xuño de 2022 había 614. En xaneiro de 2023, cando o Goberno Local anuncia a constitución dunha Mesa Sectorial para abordar o asunto, 700. En novembro de 2023, 1.077.
“Neste ano sabático que colleron vostedes para tomar unha decisión e reunir un par de veces a mesa do sector, na cidade as vivendas de uso turístico subiron un 53%. Un ano sabático porque precisaron un ano para chegar á conclusión de que ían aplicar a normativa urbanística do PXOM”, denunciou na súa intervención no Pleno -na queda de preguntas orais ao Goberno Local- a nosa concelleira Avia Veira.
O concelleiro de Urbanismo, Francisco Dinís Díaz Gallego, aprazou a regulación por parte do Concello ao “consenso” que eventualmente se alcance na Mesa Sectorial de Vivendas de Uso Turístico, ao tempo que criticou a Xunta por inscribir pisos de uso vacacional incumprindo o PXOM (que só os permite en baixos ou no primeiro andar ou ben se ocupan todo o edificio).
Díaz Gallego deixou un feixe de preguntas sen contestar. “Se van aplicar estritamente a normativa urbanística do PXOM: como o van facer? Van notificar os propietarios? Vaise limitar a densidade de vivendas de uso turístico para evitar a presión urbanística nos baixos e primeiros? Vai haber un mecanismo claro para iniciar a actividade cunhas taxas municipais? Vanse exercer os labores de control e inspección desa actividade?”, inquiriu a concelleira nacionalista.
Alén de que en efecto a maior parte das competencias sobre vivenda residen na Xunta, Avia Veira ve na “inacción” do Goberno un dos factores que explica a expansión das VUT na nosa cidade, un elemento que claramente contribúe á imparábel escalada dos prezos da vivenda na Coruña.