O Pleno de Marzo aproba por unanimidade as tres mocións do BNG
O Pleno de marzo aprobou por unanimidade as tres mocións formuladas polo grupo municipal do BNG: sobre a dotación dunha dirección artística a Viñetas desde o Atlántico, a consulta á veciñanza das distintas obras que se fan nos barrios -singularmente as que se proxectan para as Casas de Franco- e o impulso ao Consorcio de Turismo.
Na primeira delas, defendida por Mercedes Queixas, o BNG aceptou unha emenda de adición do PP, en tanto que a segunda e a terceira foron sometidas a votación após chegar a transaccións (a das obras nos barrios con PP e PSOE e a do Consorcio de Turismo co PP).
Queixas celebrou que escasas horas antes de comezar o Pleno o Goberno Local, a través dun medio de comunicación da cidade, dese a coñecer a identidade do novo director de Viñetas desde o Atlántico, Manuel Cráneo. “O Goberno Local só actúa cando o BNG o insta a facelo”, dixo.
En todo caso, na súa intervención, Queixas lembrou que Viñetas ficou no seu día sen a súa cabeza visíbel durante un cuarto de século, o “prestixioso” Miguel Anxo Prado, após este constatar a “falta de apoio” por parte do Goberno Local a un dos grandes acontecementos culturais da cidade.
En 2023, o orzamento duplicouse -de 120.000 a 250.000 euros-, proba evidente da “improvisación e a urxencia coa que se actuou”, falta de previsión que resultou en que os gastos aumentasen de forma innecesaria sen que o diñeiro se puidese investir de forma máis racional.
“A falta dunha dirección artística en 2023”, relatou Queixas, “conlevou a contratación de exposicións de forma individual, sen nexo condutor entre si nalgúns casos, cun gasto en comisariados excesivo até o extremo de contratar tantos comisarios como autores convidados, ao que hai que engadir que a meirande parte deses comisarios non foron profesionais especializados no sector da banda deseñada”.
Cómpre, pois, virar o rumbo e, xa cunha nova dirección, deseñar un plan estratéxico plurianual “que garanta unha boa xestión artística e orzamentaria dos recursos públicos, desde a experiencia profesional, que deslocalice no tempo e no espazo a actividade para achegar novos públicos desde os barrios e desde o ensino e poña en valor o talento creativo local á par do internacional”, concluíu.
Canto á moción sobre o necesario diálogo do Goberno Local coa veciñanza no que ten a ver coas obras que se realizan nos barrios, o portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, exemplificou o asunto co proxecto de reurbanización do espazo público das chamadas Casas de Franco.
“As veciñas e veciños denuncian que nin foron informados previamente das características concretas do proxecto nin houbo un proceso de diálogo e consultas para que as súas demandas puidesen ser valoradas”, denunciou Jorquera, quen negociou cos portavoces popular e socialista un texto conxunto que finalmente foi sometido a votación.
Agarda agora o BNG que se dea cumprimento á moción e que, en efecto, a alcaldesa e o concelleiro de Urbanismo se reúnan canto antes co colectivo veciñal.
Tamén foi obxecto de transacción, desta volta co PP, a moción do BNG visando o impulso do Consorcio de Turismo e Congresos, defendida no Pleno por David Soto.
Soto lembrou que hai apenas tres meses o Pleno aprobou unha moción da súa autoría para precisamente abordar, desde o Consorcio de Turismo, os problemas que o sector ten na cidade. Infelizmente non se lle deu cumprimento cando o paso do tempo non fixo máis que aumentar a preocupación que senten, e que o BNG partilla, os actores principais do sector turístico coruñés.
Tal e como aconteceu coa moción de Viñetas desde o Atlántico, o simple rexistro, o pasado luns, desta iniciativa por parte de David Soto -demandando que se convocase a Xunta de Goberno do Consorcio de Turismo e Congresos- surtiu efectos inmediatos e nas vésperas do Pleno -en concreto, este mércores ás 17.35- o BNG recibiu a convocatoria dese órgano, para o venres 15 de marzo ás 12.30 h.
A moción pide tamén que se convoque un proceso de selección “transparente” dun novo ou unha nova xerente do Consorcio.