Interpelado polo BNG, o Goberno Local fai anuncios sobre a Ordenanza das Terrazas e a Área Metropolitana
A nova Ordenanza das Terrazas atópase “na fase dos últimos retoques” e estará “lista” nas vindeiras semanas, mentres que a proposta de anteproxecto de Área Metropolitana verá a luz antes do remate deste 2025.
Así o anunciaron, a preguntas orais do BNG, a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemi Díaz, e o portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, respectivamente.
Sobre a Ordenanza das Terrazas, foi a nosa concelleira Avia Veira quen interpelou o Executivo coruñés.
Lembrou que no Acordo de Investidura asinado polo PSOE co BNG se incluía o compromiso de aprobar unha nova Ordenanza das Terrazas “durante os seis primeiros meses do mandato”. “Estamos xa no ecuador, polo tanto, estamos ante un evidente incumprimento por parte do Goberno Local”, denunciou.
Para o BNG, é preciso un novo marco normativo que permita conciliar o uso privatizo do espazo público por parte da hostalaría co dereito cidadán á accesibilidade universal. “Non pode ser que as terrazas en determinadas zonas saturadas impidan o paso a persoas en cadeiras de rodas ou a carriños de bebés”, exemplificou.
Área Metropolitana
Canto á Área Metropolitana, estaríamos tamén ante un incumprimento do Goberno Local, pois o PSOE se comprometera a elaborar unha proposta de anteproxecto na primeira metade do mandato, xa a piques de expirar, expuxo o noso portavoz, Francisco Jorquera, para quen a abordaxe con éxito de algúns dos problemas máis relevantes da cidade (a mobilidade, a planificación urbana) require de solucións a escala metropolitana, “pois A Coruña real non acaba na Ponte Pasaxe”.
O portavoz do Goberno Local avanzou que “temos o compromiso de ter un texto [de anteproxecto da Área Metropolitana]” antes do remate deste ano, para o seu posterior traslado ao Parlamento galego, a instancia con competencias para lle dar a luz verde.
Fenda dixital
De resto, o Goberno Local asegurou que vai tomar todas as medidas para garantir o dereito cidadán a realizar calquera trámite perante a Administración local de xeito presencial.
“Revisaremos se hai algún caso concreto en que iso non é así”, dixo Lage após o noso concelleiro David Soto afirmar que as solicitudes de uso de espazos en centros cívicos só se poden facer por vía telemática.
Soto ofreceu datos sobre a coñecida como fenda dixital, entre eles o de que o 25% dos fogares da cidade carecen de computador ou de conexión a Internet.