A OPERACIÓN ESPECULATIVA SAÍU ADIANTE COS VOTOS DO PSOE E O PP

As 10 razóns polas que nos opomos á pelotada inmobiliaria de Defensa S.A. no Campo da Estrada

Captura de pantalla 2023-12-14 103048
Avia Veira, durante o debate
O grupo municipal do BNG votou no Pleno de decembro contra o Estudo de Detalle da parcela número 2 do PERI da Maestranza que vai permitir a unha empresa privada construír sobre terreos comunais da cidade adquiridos ao Ministerio de Defensa que deberían ter sido devoltos gratuitamente ao Concello.
As 10 razóns polas que nos opomos á pelotada inmobiliaria de Defensa S.A. no Campo da Estrada

O estudo de detalle, que se vai saldar cunha pelotada inmobiliaria do Ministerio de Defensa, sae adiante grazas aos votos dos grupos municipais do PSOE e do PP.

A concelleira nacionalista Avia Veira, que interveu no Pleno para fixar a posición do BNG, explicitou até 10 razóns polas que o BNG se opón a esta actuación urbanística.

Son estas:

1.-Porque este Estudo de Detalle determina que unha empresa privada poida construír nuns terreos adquiridos ao Ministerio de Defensa nunha poxa que nunca tivo que terse producido: ese soar do que hoxe falamos tiña que ter sido devolto gratuitamente a esta cidade.

2.-Porque os terreos historicamente lle pertencen á cidade da Coruña. Foron ocupados polo Ministerio da Guerra en épocas de monarquías absolutistas pero en 1840 o Goberno Municipal da Coruña solicitaba a devolución dos terreos do Campos da Estrada porque “el terreno de que se trata no puede pertencer a la nación, pues es de este pueblo”. E na sesión plenaria de 12 de marzo de 1855 acordaba “Elevar S.M. una reverente pero enérgica exposición demostrando que el terreno de que se trata no puede pertenecer a la nación pues es de dominio de este pueblo según sus títulos que posee y las reales concesiones que a su favor se han hecho suplicando por consiguiente se digne declarando propiedad de esta municipalidad”.

20231214_095516
Concentración de Defensa do Común diante do Pazo de María Pita

3.-Porque votar a favor disto non sería coherente coa postura política do Bloque Nacionalista Galego de reclamar constantemente a devolución gratuíta destes terreos: porque presentamos unha chea de iniciativas aquí e no Congreso dos Deputados e das Deputadas reclamando que os terreos que eran da cidade volvesen selo.

4.-Porque o PSOE ten no seu haber unha postura realmente confusa con este tema, absténdose en cada unha das iniciativas que en mandatos anteriores se trouxeron a pleno e que SAÍRON APROBADAS e polo tanto son declaracións da vontade do Pleno que eticamente os Gobernos deberan defender pero logo é que o PSOE votou a favor no Congreso dos Deputados a través do seu deputado Ricardo García Mira dunha iniciativa de En Marea que resultou aprobada e que dicía: “El Congreso de los Diputados insta al Gobierno a establecer una mesa de negociación entre el Ministerio de Defensa y el Ayuntamiento de A Coruña para estudiar el traspaso al Ayuntamiento de A Coruña de las parcelas referidas facilitando así desde el Ministerio de Defensa la devolución gratuíta al Ayuntamiento de A Coruña de los terrenos y parcelas referidas -sitas en el Campo de Estrada- para su uso político, ya que son espacios comunales bienes propios pertenecientes a la ciudad desde su fundación”.

5.-Porque este Estudo de Detalle culmina un proceso absolutamente inxusto coa nosa cidade fronte a outras moitas cidades do Estado nas que se teñen cedido gratuitamente terreos do Ministerio de Defensa como Barcelona ou Alcalá de Henares.

6.-Porque estamos en contra radicalmente da política do Estado de vender a cidade da Coruña por anacos. Da política de Defensa S.A. de facer caixa con cada un dos anacos de solo que ten na cidade de Coruña e que parecen compartir tanto PP como PSOE porque nada se notou neste sentido o cambio de Goberno do Estado en 2018.

20231214_094932
Mercedes Queixas e Avia Veira departen con integrantes de Defensa do Común

7.-Porque esta política extractiva de solo público, normalmente pertencente á cidade, para construír e construír vivenda, pero para quen? A que prezos?

8.-Porque a veciñanza da Cidade Vella se pronunciou en maio de 2018 radicalmente en contra de que se construíse nesas parcelas e demandou claramente que se destinasen a zona verde e equipamentos públicos: nunha consulta pública simbólica pero relevante pola participación e os resultados: votaron 449 persoas con DNI e residentes na Cidade Vella pronunciándose 436 persoas, case un 93 por cento, polo destino das parcelas a equipamentos e zonas verdes; 12 votos a favor da poxa; e 1 voto nulo.

9.-Porque estamos no século XXI e cremos que o que hoxe se aproba aquí é contrario aos principios dun desenvolvemento urbano sustentábel pola súa proximidade ao mar, o feito de que haxa edificacións máis próximas ao mar non significa para nada que iso sexa correcto ou esteamos de acordo.

10.-Porque cremos que este desenvolvemento que recolle o Estudo de Detalle non protexe en absoluto nin o BIC do conxunto histórico da Cidade Vella nin o BIC do sistema defensivo da Cidade Vella por moito que obriguen a que as partidas de remoción de terras se realicen con control arquelóxico. É absolutamente incomprensíbel como a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza ten freado obras por mudanzas de fiestras ou multado a locais de hostalaría polos toldos pero informa favorabelmente isto.

 

 

 

As 10 razóns polas que nos opomos á pelotada inmobiliaria de Defensa S.A. no Campo da Estrada