RESPALDO TAMÉN AOS TEXTOS SOBRE OS DEREITOS LGBTIQ+ E A INICIATIVA OUTRA FORMA DE VIVENDA

O Pleno aproba por unanimidade a moción do BNG para Ibrahima e Magette seren fillos adoptivos da cidade

Avia Veira e Francisco Jorquera
O Pleno do Concello da Coruña aprobou este xoves por unanimidade a moción coa que o BNG demandaba que se lle outorgase o título de fillos adoptivos a Ibrahima e Magatte, os inmigrantes senegaleses que auxiliaron Samuel Luiz pondo mesmo en risco a súa vida.
O Pleno aproba por unanimidade a moción do BNG para Ibrahima e Magette seren fillos adoptivos da cidade

Alén desta iniciativa, o Pleno deu tamén luz verde a unha moción nacionalista en defensa dos dereitos das persoas LGBTQi+ -a pedir ao Concello que desenvolva políticas que os garantan- e tamén un outro texto en demanda de apoio á iniciativa Outra Forma de Vivenda. Aquela obtivo a aprobación unánime e esta tivo o respaldo de todos os grupos, agás o do PP, que optou pola abstención.

Na defensa da moción para o nomeamento de Ibrahima e Magatte como fillos adoptivos da cidade, o portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, comezou por dicir que o vil asasinato de Samuel Luiz non nos representa como cidade, sendo que A Coruña “sempre tivo a vocación de ser unha cidade pacífica, aberta e inclusiva. Respectuosa coa diversidade en todas as súas manifestacións”.

Ibrahima e Magatte, os inmigrantes que auxiliaron Samuel Luiz. Foto Instagram Casa Museo Pardo Bazán

O que si nos representa, remarcou, é o comportamento de Ibrahima e Magatte. Foron eles quen auxiliaron Samuel Luiz pondo a súa vida en xogo. “Fixérono eles, que eran os que máis tiñan que perder, dada a súa condición de inmigrantes coa súa situación por regularizar”, ponderou.

FJ Pleno

Os seus méritos, por tanto, son máis que sobrados para seren nomeados fillos adoptivos da cidade e, nese sentido, Jorquera instou a alcaldesa a que, segundo é preceptivo, inicie o procedemento a tal efecto de acordo coas previsións do regulamento para a concesión de honras e distincións.

Defensa dos dereitos das persoas LGBTQi+

Un dato ben revelador permitiu a Avia Veira arrancar a súa intervención en defensa da moción do BNG sobre os dereitos das persoas LGBTQi+ e as accións que o Goberno Local debe impulsar para os garantir: “Segundo un informe elaborado por Alas Coruña, en 2020 houbo 48 incidentes de odio na nosa cidade”.

En 2021 o preocupante, sinalou, é a intensificación dos actos vandálicos contra elementos simbólicos LGBTQi+ ou contra “persoas que aman ou se senten fóra do espectro heteronormativo". Inquietante aínda pola idade, temperá, das persoas que protagonizaron incidentes de odio.

O ataque a unha parella homosexual en Monte Alto, por volta do Día do Orgullo, o aparecimento de pintadas homófobas, na nosa comarca, no IES Neira Vilas, e, por suposto, o asasinato con connotacións homófobas de Samuel Luiz. Este é o alarmante contexto en que se insire a nosa iniciativa.

Non abonda con condenas, enfatizou Veira, senón que o Goberno Local ten que “tomar medidas reais”, entre elas tirar o maior proveito posíbel ao Espazo Diverso, ben como tamén reforzar os programas educativos e formar o funcionariado, con especial destaque para o que atende o público ou pode intervir na rúa (Policía Local).

Tampouco aforrou críticas Avia Veira á Xunta pola súa desatención da educación afectivo-sexual. “Oxalá en 2009 non tivese decidido baleirar de contido os centros Quérote, oxalá o PP durante a época de Negreira non eliminase o espazo de atención ao colectivo LGBTQi+ da Praza das Atochas” dixo. “Oxalá non recortase a Xunta todo o que puido nos Centros de Orientación Familiar da Coruña, oxalá non se dedicase a aprobar lexislación que logo non a plica. O abandono propositado dos servizos de atención afectivo-sexual teñen consecuencias”, engadiu.

Alertou aínda Avia Veira contra o que cualificou como “complicidades políticas con quen sementa discursos de odio contra as persoas LGBTQi+” e chamou a estabelecer “liñas vermellas” face ás organizacións políticas que teñen nos discursos de odio a súa marca de identidade.

Outra forma de vivenda

A derradeira moción do BNG neste Pleno defendeuna tamén Avia Veira, desta volta co obxectivo de o Concello lle dar apoio á iniciativa Outra Forma de Vivenda.

“O prezo que soportamos na cidade por adquirir unha vivenda é 23% máis elevado do que a media estatal”, ilustrou Veira.

Outra Forma de Vivenda naceu “a raíz de experiencias persoais, mais tamén de observación da realidade do mercado inmobiliario, e logo de coñecer múltiples iniciativas en Europa e no Estado”. Constituíse cun propósito claro, o de apostar pola cooperativa de vivendas en cesión de uso.

Avia 2Esclareceu Avia Veira que a idea é construír non só vivendas adaptadas ás necesidades da xente e a prezos razoábeis, mais tamén promover “unha maneira de habitar con maiores servizos e espazos comúns que fomenten a convivencia e a cohesión sociais”.

Experiencias como Outra Forma de Vivenda xa se teñen probado como exitosas en países como Uruguai e Dinarmarca e comezan a teren unha certa introdución en Euskadi e Catalunya.

A moción é produto da interlocución directa do BNG –reunión de Avia Veira e a responsábel de Vivenda nacionalista do Parlamento galego, Alexandra Fernández coas persoas responsábeis de Outra Forma de Vivenda- e visaba instar o Goberno Local a que estudase mesmo a cesión dunha parcela ou un edificio a rehabilitar para esta iniciativa cooperativista se desenvolver na cidade.

“A nosa intención é completar esta moción con iniciativas no Parlamento da Galiza porque consideramos que a Xunta ten que ter un papel decisivo na promoción das vivendas en cesión de uso”, avanzou Veira, quen tamén anunciou ao Pleno que o BNG aceptaba incorporar ao seu texto unha emenda formulada por Marea Atlántica.

 

  

O Pleno aproba por unanimidade a moción do BNG para Ibrahima e Magette seren fillos adoptivos da cidade