UNHA INICIATIVA PARA LLE DAR IMPULSO Á CORUÑA COMO "CIDADE CREATIVA"
Un Goberno Local liderado polo BNG promoverá o proxecto "Primavera Cultural"
A iniciativa Primavera Cultural foi presentado esta mañá por Avia Veira e Mercedes Queixas –número 2 e 3 da candidatura nacionalista para o 28 de maio- nun café informativo cos medios que tivo lugar na oficina do BNG no pazo de María Pita.
“Falamos dun proxecto que enfocaremos desde unha perspectiva integradora, transversal, plural, feminista, galega e universal”, remarcou Mercedes Queixas, portavoz de Cultura do BNG no Parlamento galego.
A “Primavera Cultural” dará coherencia a distintas accións que se nuclearán arredor de datas tan simbólicas como as seguintes: 17 de marzo (Día do Cómic), 20 de marzo (Día da Narración Oral), 21 de marzo (Día da Poesía, xusto o que se celebra hoxe), 27 de marzo (Día Mundial do Teatro), 1 de abril (Día das Artes Galegas), 2 de abril (Día do Libro Infantil e Xuvenil), 15 de abril (Día Mundial da Arte), 23 de abril (Día do Libro), 17 de maio (Día das Letras Galegas), 21 de maio (Día da Diversidade Cultural) e 9 de xuño (Día dos Arquivos).
Estaríamos, detallou Queixas, perante “unha suma de oportunidades para facer da cultura o epicentro socializador e formador da cidadanía coruñesa, desde un rol participativo e implicando os sectores e axentes culturais da cidade”.
En contraste cun Goberno Local que neste mandato se ten caracterizado pola ausencia absoluta de política cultural, o BNG levará ao futuro Executivo coruñés, o que se propón liderar a partir do 28 de maio, o proxecto “Primavera Cultural” para lle dar impulso á Coruña como “cidade creativa”.
Unha Primavera Cultural que terá como protagonista o “potente tecido creativo” da cidade, remarcou Veira. “A política cultural do BNG para A Coruña conta cunha marca propia: #ACoruñaCidadeCreativa”, dixo Queixas.
“Acreditamos nun proxecto cultural municipal participado e inclusivo para unha cidade epicentro cultural artellado desde tres eixos: cultura de proximidade, cultura desestacionalizada e cultura para a cohesión social, a formación e a transformación”, relatou.
Trátase de ter confianza “na potencialidade da cultura como garante da cohesión social”, máis tamén como “motor” de actividade económica con grande capacidade de xeración de emprego.
“Recuperar o pulso creativo da Coruña non é un soño, é un compromiso. Queremos devolverlle a ilusión ás creadoras, ás mediadoras, ás espectadoras, barrio a barrio, mes a mes, porque a cultura non é froito merado do verán, é para nós o cordón umbilical que alimenta o proxecto político de cidade, transversal e transformador”, enfatizou Queixas.
O GOBERNO DE INÉS REY, DESAPARECIDO
“Para o BNG é moi importante a política cultural”, dixo Veira, en contraposición a un Goberno de Inés Rey “desaparecido” neste ámbito. “Mais a partir do próximo mes de maio, un Goberno Local liderado polo BNG fará da cultura un eixo básico da súa acción. Cultura para a xente da man das creadoras e os creadores”, acrecentou.
Un goberno local liderado polo BNG estará ao pé “de cada infraestrutura cultural da nosa cidade”, desde os arquivos até as bibliotecas pasando polas librarías, os museos ou os recintos do IMCE.
Un goberno local liderado polo BNG desenvolvería todo o enorme potencial dunha cidade que ao longo da historia ten alcanzado a excelencia con figuras como Luís Seoane, Urbano Lugrís, Manuel Lourenzo, Manuel Álvarez Torneiro, Pilar Pallarés, Manuel Rivas ou Miguel Anxo Prado.